A Xunta activa para esta tarde unha alerta laranxa por temporal costeiro no litoral da Coruña

Agárdase vento do suroeste de forza 8

Aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese

Santiago de Compostela, 18 de outubro de 2023

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia Primeira da Xunta vén de activar para esta tarde a alerta laranxa por temporal costeiro no litoral da provincia da Coruña.

 

Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), o fenómeno meteorolóxico por ventos comezará a primeira hora da tarde. Agárdase na área noroeste da provincia, con vento do suroeste de forza 8. No resto da costa galega a alerta será de nivel amarelo.

 

Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros.

 

A Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa, isto é, diques, rompentes e paseos marítimos. Tamén se recomenda que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.

 

Aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese.

Data de actualización: 18/10/2023