A Xunta de Galicia pon en marcha un novo sistema informático para a tramitación das actas de inspección e denuncia dos axentes facultativos medioambientais

O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal abriu a xornada formativa que contou coa asistencia de 325 axentes

A ferramenta -desenvolta pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia- permitirá levantar actas de inspección e denuncia en campo e poderán remitilas automaticamente aos servizos xurídicos

Enmárcase na estratexia de Dixitalización e Descarbonización que a dirección xeral e a Amtega están a desenvolver conxuntamente

Santiago de Compostela, 18 de outubro de 2023

A Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, dependente da Consellería do Medio Rural, vén de formar aos Axentes Facultativos Medioambientais, Técnicos Forestais e persoal tramitador dos servizos xurídicos no uso dunha nova aplicación que permitirá levantar e remitir as actas de inspección normalizadas de xeito totalmente electrónico. O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, abriu a xornada formativa á que asistiron 325 axentes.

 

O sistema enmárcase na estratexia de Dixitalización e Descarbonización que a dirección xeral e a Amtega están a desenvolver conxuntamente e intégrase cun desenvolvemento anterior que emprega as imaxes proporcionadas polos satélites Sentinel para detectar os cambios sobre o terreo producidos polos aproveitamentos forestais. Desde o sistema de control de cortas forestais, pode propoñerse a realización dunha inspección que se realiza con esta nova aplicación, e como resultado da que se poderá se procede incoar unha denuncia.

 

Ademais, contémplanse con esta ferramenta a xestión doutras materias en relación á Lei de montes de Galicia -distancias de plantación, repoboacións e cambios de actividade- así como á Lei de Prevención e Defensa Contra os Incendios Forestais de Galicia e á Lei de recuperación da terra agraria, entre outros eidos de potencial aplicación no medio rural, que tamén contan con formularios normalizados para facilitar e asegurar a remisión de tódolos datos precisos para a iniciación, no seu caso, dun expediente sancionador.

 

Así, o persoal da Consellería do Medio Rural poderá remitir de xeito inmediato -mesmo desde o campo empregando a versión móbil da aplicación- as actas nas que se constata a comisión dunha infracción. O sistema permite que os servizos xurídicos soliciten máis información aos Axentes Facultativos Medioambientais, se é preciso. Todo isto sen empregar papel, con maior eficiencia e sen desprazamentos innecesarios, co conseguinte aforro dos sempre escasos recursos públicos e de emisións ao medio ambiente.

 
 

Compromiso da Xunta

Con este desenvolvemento, a Xunta amosa o seu compromiso para seguir traballando na construción dun sector forte e fiable a nivel europeo, onde os consumidores demandan cada vez máis garantías sobre a legalidade e sustentabilidade económica, social e ambiental dos produtos dos montes.

 

Esta iniciativa enmárcase nunha sociedade europea que se atopa en vías de descarbonización, coa vista posta nos retos e oportunidades que están a demandar o Pacto Verde Europeo e a transición á bioeconomía.

 

Nese contexto, preséntase como clave o potencial de ecomateriais substitutivos baseados na madeira -en sectores como a construción, os téxtiles, os produtos químicos ou o envasado- seguindo o principio de “Reconstruír de novo facéndoo mellor” (“Building back better” BBB).

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/10/2023