Máis de 300 escolares asistiron á charla de Munitis na delegación da Xunta no marco do ciclo ‘Luz ó Deporte’, da Fundación Breogán

A actividade busca achegar á mocidade a deportistas de primeiro nivel que transmiten os principios e valores adquiridos a través das súas vivencias persoais e da súa traxectoria profesional

Lugo, 17 de outubro de 2023

Máis de 300 alumnos e alumnas dos institutos Nosa Señora dos Ollos Grandes, Politécnico, Xoan Montes e Ánxel Fole asistiron hoxe á charla impartida por Pedro Munitis, adestrador do CD Lugo, na Delegación Territorial no marco do ciclo Luz ó Deporte.

A actividade está organizada pola Fundación Breogán, co apoio da Xunta e Abanca, e busca achegar á mocidade a deportistas de primeiro nivel que transmiten os principios e valores adquiridos a través das súas vivencias persoais e da traxectoria profesional. Pedro Munitis (Cantabria) é o terceiro xogador con máis encontros oficiais disputados no Racing de Santander, equipo no que debutou no 1993. Tamén xogou no Real Madrid e no Deportivo da Coruña, así como en 21 encontros internacionais coa selección española de fútbol.

O ex-xogador de baloncesto Sergi Grimau inaugurou o ciclo o pasado 26 de setembro, e completarán o programa as intervencións de Veljko Mrsic, adestrador do Breogán, o 14 de novembro, e Cata Pollini, directora de equipo do Ensino, o 14 de decembro.

Arias animou ao público en xeral a asistir ás charlas, que son abertas e gratuítas. Desenvólvense  no salón de actos da Delegación Territorial da Xunta, un espazo aberto á cidadanía que acolle de forma habitual actividades culturais, xornadas ou conferencias, e que este ano tamén se estreou como unha das sedes da programación da Semana de Cine de Lugo

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/10/2023