A directora xeral de Patrimonio Natural reuniuse hoxe con representantes da Federación Galega de Municipios e Provincias

A Xunta traslada aos concellos galegos as medidas desenvolvidas para controlar a poboación do xabaril

Do Campo explicou as condicións da declaración de emerxencia cinexética temporal e o procedemento para a instalación de gaiolas-trampa

Tamén avaliaron a nova Lei estatal de protección e benestar dos animais e as repercusións que implicará para as administracións autonómica e local
 

Santiago de Compostela, 17 de outubro de 2023

A Xunta de Galicia trasladou hoxe aos concellos galegos as medidas desenvolvidas para controlar a poboación do xabaril durante unha reunión que mantivo a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, co presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alberto Varela, acompañado de representantes da comisión executiva da entidade.

Así, a directora xeral explicou que, recentemente, se aprobou a declaración de emerxencia cinexética temporal pola presenza e os danos ocasionados polo xabaril nun total de 37 comarcas galegas. Logo de lembrar que esta medida é provisional, extraordinaria e complementaria á caza regrada en terreos cinexéticos e ás actuacións puntuais de control por danos, Do Campo subliñou que o seu obxectivo é axilizar a aplicación de medidas dirixidas ao control das poboacións desta especie naquelas zonas con maior incidencia, a través de distintas modalidades e procedementos de captura.

No caso dos terreos non cinexéticos, os concellos poden optar pola colocación de gaiolas-trampa en lugares estratéxicos que adoiten frecuentar estes animais. Neste caso, o Goberno galego ofrece ás administracións locais unha proposta de colaboración que consiste en que a Xunta presta apoio técnico e asume os gastos da instalación das gaiolas e a súa vixilancia, ademais de outorgar as autorizacións mentres que o concello determina os lugares estratéxicos para instalar este dispositivo e encárgase da xestión completa dos animais capturados.

Do Campo tamén incidiu na necesaria e imprescindible colaboración dos concellos no impulso das medidas informativas e preventivas, con recomendacións como, por exemplo, non interactuar cos animais ou non abandonar bolsas de lixo fóra dos contenedores. E, por suposto, na xestión de zonas de maleza incontroladas que se converten en refuxios idóneos para a cría, o encame e o asentamento dos xabarís, e están localizadas moitas veces en contornas urbanas e periurbanas.

Lei de benestar animal

A maiores, no encontro tamén avaliaron a nova Lei estatal de protección e benestar dos animais e as repercusións que implicará para as administracións autonómica e local.

Máis polo miúdo, Do Campo fixo referencia ás gardas de 24 horas que deberán garantir as entidades locais para poder cumprir coa recollida, tratamento e atención permanente dos animais que se abandonen nos seus termos municipais, ademais de xestionar as colonias felinas, encargándose da esterilización e microchipado dos gatos que formen parte delas.

Nesa senso, a directora xeral adiantoulles que Galicia dará, hoxe mesmo, resposta positiva á solicitude de reunión bilateral co Goberno central para clarificar dúbidas e preocupacións que está a xerar esta nova lei desde a súa entrada en vigor, algunhas das que xa foron trasladadas pola Xunta ao Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030.

Ademais, a directora xeral reiterou que o Goberno galego solicitará que os orzamentos do Estado para o próximo ano inclúan partidas específicas para que tanto as comunidades autónomas como especialmente os concellos poidan facer fronte a esas novas obrigas.

Cómpre lembrar a Xunta fai un esforzo desde hai anos para apoiar ás protectoras e ás entidades locais no labor que realizan neste eido, destinando desde 2017 un importe de case 2 millóns de euros a través da convocatoria de sucesivas ordes de axudas para financiar os gastos que asumen a diario para o coidado, a atención e a manutención dos animais domésticos abandonados e que teñen ao seu cargo.

Nesa liña, a directora xeral avanzou que o Goberno galego reiterará ese compromiso para o vindeiro ano 2024.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/10/2023