A Xunta comparte a súa experiencia na captación de fondos europeos e pon en valor as relacións entre Galicia e o Norte de Portugal

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou en Braga no seminario ‘Programas de Xestión Directa da Comisión Europea: Que financiamento para o ciclo 2021 – 2027?’, organizado pola Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte

Braga (Portugal), 17 de outubro de 2023   O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou hoxe como representante da Xunta de Galicia no Seminario Programas de Xestión Directa da Comisión Europea: Que financiamentos no ciclo 2021 – 2027? organizado pola Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte, onde compartiu a experiencia do Goberno galego na captación de fondos europeos. 

Na súa intervención, o director xeral abordou tres eixos fundamentais da política exterior galega. En primeiro lugar expuxo a importancia de contar cunha Lei Galega Reguladora da Acción Exterior e da Cooperación ao Desenvolvemento, que funciona coma un marco xeral de actuación, e o seu desenvolvemento na Estratexia Galega de Acción Exterior, a piques de ser reformulada para o horizonte 2023 - 2027.

Tamén puxo en valor o traballo da Fundación Galicia Europa, sobre todo pola súa dimensión como facilitadora de captación de fondos europeos así coma a súa actividade formativa para dotar a traballadores, tanto públicos como da empresa privada, das ferramentas necesarias para navegar o financiamento europeo por medio de programas como o TecEuropa ou a Guía de Financiamento Comunitario.

Por último destacou a especial relación de Galicia coa lusofonía, en concreto desde a integración de España como observador asociado da Comunidade de Países de Lingua Portuguesa (CPLP) e, máis recentemente, coa aprobación do decreto que crea e regula o Observatorio da Lusofonía Valentín Paz Andrade.

O evento acolleu tamén catro sesións de traballo sobre competitividade, tecnoloxía e innovación, cooperación europea e internacional, creatividade, conectividade e medio ambiente e cualificación, emprego e inclusión social.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/10/2023