A Xunta e a Fegamp intensifican o traballo para avanzar nas negociacións da clarificación das competencias das administracións autonómica e local

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, participou hoxe nunha nova reunión da comisión técnica que está a avaliar os estudos da Xunta e a Fegamp co obxectivo de chegar ao máximo consenso no maior número posible de ámbitos

Santiago de Compostela, 17 de outubro de 2023

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, presidiu hoxe unha nova reunión da comisión técnica encargada de avaliar os estudos da Xunta no marco dun acordo coa Universidade de Santiago de Compostela e o presentado pola Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) co obxectivo de clarificar as competencias das administracións autonómica e local.

Na xornada de hoxe celebrouse un encontro deste grupo de traballo para establecer as actuacións a seguir para acadar o máximo consenso posible na maioría dos ámbitos. Así, prevese axilizar e avanzar nas negociacións durante o próximo mes de novembro coa finalidade de tentar acadar antes de fin de ano acordos nalgunha das áreas que se están a abordar.

A comisión técnica contrastará as conclusións de ambos os estudos, de maneira que se estableza as competencias que debe asumir cada administración e en que medida. Para iso, avaliarase se cada administración está a asumir os seus compromisos e cuantificarase o custo de cada servizo e os recursos dispoñibles. A finalidade desta comisión é garantir unha prestación eficiente dos servizos públicos evitando duplicidades.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/10/2023