Diego Calvo traslada ás federacións deportivas os beneficios do Bono Deporte para fomentar a práctica de actividade física

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes informoulles que se reservarán 16,2M€ nos orzamentos de 2024 para este bono de 120 euros
 

Permitirá sufragar as compras de material e equipamento deportivo, a asistencia a clases ou a realización de actividades deportivas
 

Diego Calvo puxo en valor que a iniciativa será un apoio importante para as familias galegas nos gastos relacionados coa actividade física que realizan os seus fillos e fillas, ao mesmo tempo que se contribúe a impulsar o comercio galego
 

A medida entrará en vigor en xaneiro e poderán beneficiarse uns 135.000 deportistas de 6 a 16 anos con licenza federada ou do programa Xogade
 

A Coruña, 17 de outubro de 2023  O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, trasladoulle hoxe a representantes das federacións deportivas da comunidade os beneficios do Bono Deporte para fomentar a práctica de actividade física e o deporte base entre as xeracións máis novas, ao mesmo tempo que se impulsa o comercio galego e se apoia ás familias nestes momentos marcados pola inflación nos gastos que lles supoñen as actividades deportivas nas que participan os seus fillos e fillas. 

Ao encontro asistiron representantes das federacións deportivas galegas de balonmán, atletismo, boxeo, esgrima, patinaxe, taekwondo, voleibol, natación e salvamento e socorrismo. Por parte da Xunta tamén acudiron o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, e o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor.  

Diego Calvo explicou, ao remate do encontro, que o Bono Deporte é a medida estrela dos orzamentos da Vicepresidencia Primeira da Xunta para 2024, cunha contía total de 16,2M€ e un valor de 120 euros para cada bono. Prevese que xa se poida usar en xaneiro despois de que nas próximas semanas se publique a orde de adhesión dos establecementos comerciais e entidades prestadoras do servizo.  

De feito, co Bono Deporte pódense sufragar tanto as compras de material e equipamento deportivo como a a asistencia a clases ou a realización de actividades deportivas. Así, descontarase un 80% de cada compra ata esgotar 120 euros. Esta novidosa iniciativa que, segundo Diego Calvo, segue experiencias similares como o Bono Comercio ou o Bono Cultura, calcúlase que chegue a 135.000 beneficiarios de 6 a 16 anos, ambos inclusive, que practiquen algunha disciplina deportiva con licenza federada ou estean inscritos no programa Xogade. 

Segundo explicou o vicepresidente primeiro, o Bono Deporte enmárcase no compromiso da Xunta co deporte base e complementa outras medidas pioneiras en Galicia como o seguro gratuíto para participantes do programa Xogade, cun orzamento de 4,3 millóns ata 2024. Precisamente a nova convocatoria deste programa conta con 17 actividades e 39 federacións deportivas adheridas co obxectivo de promover a práctica da actividade física e deportiva entre a poboación escolar.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/10/2023