O presidente da Xunta participou hoxe na inauguración do III Foro empresarial pola igualdade

Rueda anuncia que a Xunta destinará máis de 2,2 M€ en 2024 a un plan para formar e contratar 300 mulleres en sectores fortemente masculinizados

Adianta que as empresas recibirán ata un máximo de 7.500 euros por cada muller que acade un contrato de traballo
 

Valora que esta iniciativa “pioneira” entre as comunidades axudará a romper estereotipos, á vez que se suma a outras medidas do Goberno galego para facilitar a incorporación da muller ao mercado laboral en postos cuxa presenza “non é a que debera”
 

Vigo, 17 de outubro de 2023   O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, reafirmou hoxe o compromiso da Xunta de Galicia coa igualdade e, neste marco, anunciou que o Goberno galego destinará o próximo ano máis de 2,2 millóns de euros para formar e contratar a unhas 300 mulleres para que se incorporen a sectores laborais fortemente masculinizados. Para iso, precisou que se outorgará ás empresas que participen ata un máximo de 7.500 euros por cada muller que acade un contrato de traballo. 

Así o avanzou hoxe durante a inauguración do III Foro empresarial pola igualdade, organizado pola Confederación de Empresarios de Pontevedra, e que nesta edición está centrado no ámbito da dixitalización. Precisamente, citou o eido dixital e das novas tecnoloxías entre os distintos campos nos que as mulleres aínda están infrarrepresentadas e nas que o “talento feminino debería estar máis presente”.

Consecuentemente, valorou a necesidade de poñer en marcha este novo plan que cualificou de “pioneiro” entre as comunidades autónomas para favorecer a incorporación da muller en postos de sectores cuxa presenza “non é a quede debera” e, por tanto, é medible que están masculinizados. Deste xeito, considerou que esta actuación é unha “boa maneira de non só diagnosticar o problema, senón de intentar pór solucións”.
 
Rueda salientou que con esta medida o Goberno galego rompe “barreiras, estereotipos e esquemas preconcibidos” de que existen traballos para homes e mulleres, á vez que favorecer unha “sociedade máis xusta”. E, precisamente, nesta tarefa considerou “fundamental” a implicación da clase empresarial. “As grandes reformas se non empezan tamén polos que moven a economía non acabarán nunca de arrancar e se o fan, terán un percorrido moi curto”, alertou.
 
Neste senso, asegurou que a “primeira e fundamental” tarefa do Goberno galego é que Galicia avance. “E Galicia non vai avanzar se non é igualitaria. E para que o sexa, quen move a economía, que son os empresarios e empresarias, teñen que ter este principio moi presente e practicalo. E pedirlle á Administración que fagamos o necesario para acompañar todo este esforzo”, defendeu.
 
O titular do Executivo galego enmarcou esta iniciativa no conxunto de políticas a favor da igualdade que leva a cabo a Xunta e tamén para favorecer a incorporación da muller ao mercado laboral, entre as que se atopan a futura Lei de Igualdade, que se aprobará nun prazo breve no Parlamento galego, e que ten como obxectivo acelerar a igualdade de oportunidades e favorecer a conciliación; ou o VIII Plan estratéxico de igualdade de oportunidades 2022-2027, dotado con 935 millóns de euros e que, precisamente, marca entre as súas finalidades conseguir a participación da muller en todas as esferas.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/10/2023