A Xunta defende maiores posibilidades de pesca para o bonito nas augas xestionadas por ICCAT e evitar que se fixen cotas para a quenlla no atlántico sur

Santiago, 17 de outubro de 2023

O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, participou este luns por videoconferencia na xuntanza do Consello Consultivo informal de Agricultura e Pesca para preparar a reunión de ministros europeos que a semana próxima tratará temas como as futuras posibilidades de pesca no mar Báltico para 2024 ou os obxectivos de cara a próxima reunión da Comisión Internacional para a Conservación do Atún Atlántico (ICCAT), que se celebrará dos días 13 a 20 de novembro en Exipto.

De cara a este encontro, fundamental para o sector pesqueiro e a industria conserveira da comunidade, a Xunta defende elevar as posibilidades de capturas do bonito e evitar que se establezan cotas restritivas para especies como a quenlla no Atlántico sur, afectada xa pola súa inclusión no apéndice da Convención sobre el Comercio Internacional de Especies Ameazadas de Fauna e Flora Silvestres (Cites). Ante os representantes do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e os conselleiros do resto de autonomías, Antonio Basanta manifestou que se estará atento a como quedarán as posibilidades de pesca no Báltico para o ano próximo, pois os criterios utilizados darán as pistas dos que poden aplicar no Consello de Ministros do mes de decembro, fundamental para a frota galega e no que se agarda que se fixen cotas plurianuais para algunhas especies.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 17/10/2023