A Xunta reforza o achegamento da información xuvenil á mocidade a través de puntos itinerantes en centros de secundaria

Os estudantes poderán coñecer de preto todos os recursos, programas e axudas existentes en materia xuvenil e tamén activar o Carné Xove, que o Goberno galego enviou gratuitamente a toda a xente moza de 12 a 30 anos

Santiago de Compostela, 14 de outubro de 2023

A Xunta reforza o achegamento da información xuvenil de interese para a mocidade galega a través de puntos itinerantes nos centros de secundaria. O obxectivo é que os estudantes coñezan de preto todos os recursos, programas e axudas existentes en materia xuvenil e, ademais, poidan activar nestes mesmos puntos o Carné Xove, que o Executivo autonómico enviou gratuitamente a toda a xente moza de 12 a 30 anos.

 

Os centros educativos interesados nesta iniciativa deben solicitalo a través do formulario dispoñible na páxina web de Xuventude, indicando o mes do curso escolar no que lles interesa recibir a visita do punto itinerante de información xuvenil. O horario deste punto estenderase, como máximo, ao longo dunha xornada lectiva.

 

Prazo aberto para correspondentes universitarios

A través desta acción, o Goberno galego intensifica a difusión e achegamento da información de interese para a mocidade que a Consellería de Política Social e Xuventude xa ten en marcha. De feito, estes puntos tamén están presentes nas diferentes facultades e nos Centros Integrados de Formación Profesional (CIFP) e, a maiores, desenvólvense os programas de Correspondentes Xuvenís e Correspondentes Universitarios.

 

Precisamente, o prazo para apuntarse ao programa de Correspondentes Universitarios está aberto ata o 31 de outubro e toda a información está dispoñible na páxina web de Xuventude.

Data de actualización: 16/10/2023