A Xunta inviste 120.000 euros na mellora das infraestruturas viarias do polígono de Merlín en Agolada

Esta liña de axudas destinada á mellora das infraestruturas dos parques empresariais deixará máis de 640.000 euros na provincia de Pontevedra

Entre os concellos beneficiados atópanse Cambados, Campo Lameiro; A Cañiza; A Lama; Meaño; Sanxenxo; Valga; Vila de Cruces e Salvaterra do Miño

Agolada (Pontevedra), 16 de outubro de 2023

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá as obras realizadas no Polígono Industrial Merlín de Agolada.

 

Os traballos, que mellorarán as infraestruturas viarias do interior do polígono, son posibles grazas ás axudas da Xunta para a habilitación e mellora de infraestruturas dos parques empresariais de Galicia. En concreto, esta actuación recibiu un apoio de preto de 120.000 euros.

 

Con estas axudas, que deixaron na provincia de Pontevedra máis de 640.000 euros, a Xunta de Galicia busca actualizar estes espazos tan importantes para o desenvolvemento empresarial da comunidade autónoma. Entre os parques beneficiados atópanse, o Parque Empresarial de Uceira, no concello de Cañiza; o Polígono Industrial a Pedreira, en Meaño; o Parque Empresarial de Racelo, no concello de A Lama; o Parque Empresarial de Campaña, en Valga; o Parque Empresarial de Nantes, en Sanxenxo; o Polígono Industria A Facha, en Campo Lameiro; o Polígono Industrial Sete Pías, en Cambados; o Polígono Industrial do Camballón, en Viladecruces; e o Polígono de Chan da Ponte, en Salvaterra do Miño.

 

Neste sentido, o delegado territorial destacou o “compromiso da Xunta cos empresarios que deciden desenvolver os seus negocios en Galicia” e asegurou que “a administración autonómica porá todo da súa parte para facilitar a súa labor, porque solo así podemos continuar a ser unha comunidade competitiva e próspera”.

 

Está previsto que as obras no Polígono de Merlín terminen nas próximas semanas e que permitan mellorar a seguridade viaria das centos de persoas que cada día se desprazan ao polígono, ademais de aumentar a comodidade dos transportistas. Cabe destacar que esta liña de axudas conta con máis de 2.4 millóns de euros concedidos en toda Galicia que reverterán directamente a favor do tecido empresarial galego.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/10/2023