O presidente do Goberno galego participou na presentación do proxecto de mellora no paseo de Beiramar

Rueda destaca o investimento da Xunta de 3,5 M€ para proxectos de humanización e mellora da mobilidade do bordo litoral de Vigo

Indica que as actuacións de transformación e recuperación da fachada marítima da cidade viguesa permitirán contar cun itinerario completo duns 7,4 quilómetros para peóns e ciclistas

Salienta que este tipo de actuacións se enmarcan no proxecto de modernización, humanización e fomento da mobilidade sostible que está a levar a cabo a Administración autonómica por toda a comunidade
 

Vigo, 16 de outubro de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe a posta do Goberno galego pola recuperación da fachada marítima de Vigo a través dun investimento de 3,5 millóns de euros destinados a proxectos de humanización e mellora da mobilidade nesta zona. Así, despois dunha primeira fase na zona de Portocultura, esta mañá presentouse o proxecto de mellora no paseo de Beiramar, que permitirá favorecer o tránsito peonil dos veciños nesta zona do barrio de Bouzas.

O titular da Xunta, que estivo acompañado pola conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, asegurou que “o porto de Vigo é unha parte fundamental desta cidade, son 140 anos de historia, e durante moitísimo tempo, ao mesmo tempo que se transformaba o porto, se foi transformando a cidade e agora temos que seguir facendo exactamente o mesmo”, facendo referencia á idea de cidade sostible cara a que se camiña.

Así mesmo, a nova actuación na fachada marítima viguesa dada a coñecer hoxe se estenderá ao longo de preto de 1,5 quilómetros e ampliará beirarrúas para permitir o tránsito de camiñantes e ciclistas; renovará o mobiliario urbano; empregará iluminación eficiente; habilitará zonas verdes e reordenará as prazas de aparcadoiro. En total, a transformación e recuperación do bordo litoral da cidade permitirá contar cun itinerario peonil completo duns 7,4 quilómetros.

“Estas obras que van comezar xa neste novo tramo únense a todo o que está feito, a todo o que está a piques de inaugurarse, e imos intentar que por aquí poidan transitar tranquilamente e desfrutando os peóns, os ciclistas, os que van correr... todo o mundo que queira dar un paseo e se poida desprazar de punta a punta por toda esta fachada marítima”, indicou.

Colaboración en beneficio da cidadanía

Esta “aposta valente” pola transformación do bordo litoral de Vigo, tal e como destacou Rueda, materializouse grazas a un convenio de colaboración da Xunta coa Autoridade Portuaria viguesa que fai posible un investimento total de 5,1 M€. Todo co obxectivo de facer unha fachada marítima máis amable para a cidadanía, sen deixar de cumprir o seu servizo á actividade portuaria.

“O que facemos é intentar compaxinar, e pódese, a vida económica e a vida do día a día que é intensísima aquí, dende onde vai ir o paseo ata o mar, coa posibilidade de que a xente poida desfrutar dun tramo que ata o de agora o tiña bastante vedado”, indicou, ao mesmo tempo que quixo agradecer ao Porto de Vigo a súa colaboración.

O presidente do Goberno galego salientou que este tipo de actuacións enmárcanse no proxecto de modernización, humanización e fomento da mobilidade sostible que está a levar a cabo a Administración autonómica por toda Galicia, con máis de 250 quilómetros de sendas peonís e ciclistas construídas nos últimos anos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/10/2023