O Sergas publica a resolución definitiva do concurso de traslados aberto e permanente da categoría de medicina de familia de atención primaria

Resultan adxudicatarios de destino un total de 157 médicos e médicas de familia

Santiago de Compostela, 16 de outubro de 2023

   O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica, na súa edición de hoxe, a Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos pola que se publica a resolución definitiva do ciclo de adxudicación correspondente ao ano 2023 do concurso de traslados aberto e permanente (CAP) para a provisión voluntaria de prazas básicas do persoal estatutario da categoría de médico de familia de atención primaria.

Este é o sexto ciclo deste proceso de concurso de traslados aberto e permanente, posto en marcha a finais do ano 2017, que permite a mobilidade do persoal estatutario fixo aos lugares e postos que desexen ben por motivos de conciliación da vida laboral e familiar dos profesionais e/ou por promoción a novos postos polas súas características por docencia, quendas ou cotas. Galicia permite o cambio de destino do persoal fixo cunha periodicidade anual, sendo esta unha importante mellora nas condicións de traballo do persoal empregado público da sanidade galega.

Participaron neste concurso de traslados un total de 344 profesionais da categoría de médico/a de familia na cal se ofertaron un total de 309 prazas.

Resultan adxudicatarios de destino con carácter definitivo 157 aspirantes, o que supón preto do 46 % sobre o total de participantes. Dos profesionais que acadan destino neste concurso, 98 profesionais obteñen un dos cinco primeiros destinos solicitados.

Do total de adxudicatarios/as de praza neste concurso de traslados da categoría de médico/a de familia, tres profesionais proceden de fóra de Galicia.

As áreas sanitarias de Vigo, Coruña-Cee e Santiago-Barbanza son as que incorporarán o maior número de cambios de centro de profesionais, cun total de 41, 34 e 30 respectivamente.

En canto aos cambios de área sanitaria, do total das 157 adxudicacións, 118 profesionais permanecen na mesma área sanitaria e 39 cambian de área.

Toma de posesión no posto adxudicado

O persoal que obtivo praza neste proceso deberá cesar na que, de ser o caso, desempeñe no Sergas no día seguinte á publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia. A toma de posesión do novo destino obtido no CAP debe efectuarse dentro dos dous días hábiles seguintes ao do cese se a praza desempeñada e a adxudicada son da mesma área de saúde. En caso de que as prazas sexan de distinta área sanitaria dentro do Servizo Galego de Saúde será no prazo de sete días hábiles e, se a praza desempeñada con anterioridade se corresponde a outro servizo de saúde, no prazo dun mes. Estes prazos son os recollidos no artigo 30, apartado 2) do Decreto 206/2005, do 22 de xullo, de provisión de prazas de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde, segundo a redacción efectuada pola Lei 4/2021, do 28 de xaneiro, de medidas fiscais e administrativas.

En aplicación do Decreto 48/2023, do 20 de abril, de ordenación do sistema de formación sanitaria especializada na Comunidade Autónoma de Galicia, os profesionais que resulten adxudicatarios dunha praza con titoría docente deberán estar acreditados como titor ou titora no prazo máximo dun ano desde a súa toma de posesión e exercer como tal unha vez obtida a acreditación.

Coa publicación desta resolución definitiva e a incorporación dos profesionais aos destinos adxudicados, dáse por finalizado o ciclo anual de concurso de traslados do ano 2023 para o persoal estatutario da categoría de medicina de familia de atención primaria do Servizo Galego de Saúde

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/10/2023