Os auxiliares de conversa multiplícanse por dez en 15 anos e acadan este curso a cifra récord de 655

Prestarán apoio ao ensino de linguas estranxeiras en máis de 800 centros educativos galegos a través desta acción que absorbe un investimento de 4,6 M€
 

O 99,2 % dos centros amosan a súa satisfacción e a metade dos auxiliares deciden repetir dun curso para outro nos nosos colexios e institutos
 

Máis de 100.000 alumnos benefícianse desta iniciativa enmarcada na Estratexia Galega de Linguas Estranxeiras

Santiago de Compostela, 16 de outubro de 2023   O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, deu hoxe a benvida aos 655 auxiliares de conversa de 22 nacionalidades distintas que prestan este curso apoio ao ensino de linguas estranxeiras no sistema educativo galego. “Unha cifra récord que demostra o éxito e boa acollida desta iniciativa nos centros educativos galegos”, destacou, e que supón case multiplicar por 10 os 67 auxiliares que había no curso 2008/09.

O titular do departamento educativo da Xunta salientou “o elevadísimo nivel de satisfacción que existe nos centros, de tal forma que o 99% considera positiva esta medida de apoio ao ensino de linguas estranxeiras”, así como feito de que a metade dos auxiliares solicitan renovar a súa estadía dun curso para outro. 

O conselleiro fixo fincapé na importancia da figura do auxiliar de conversa, que contribúe a que o alumnado coñeza non só a diversidade de idiomas, senón tamén de culturas. Puxo en valor, así mesmo, “a ambiciosa aposta da Xunta polo plurilingüismo, unha estratexia transversal, que abrangue tamén outros programas e liñas de acción que medraron considerablemente na última década, como os centros plurilingües, un total de 511 este curso, ademais de 5.000 seccións bilingües”. 

Neste mesmo contexto, Román Rodríguez lembrou que o alumnado dispón dun amplo catálogo de actividades para mellorar as súas competencias en linguas estranxeiras a través de estadías formativas como as realizadas este verán no estranxeiro por 645 alumnos ou actividades como a Spring Week.

“A estratexia de impulso ao plurilingüismo da Xunta permitiu que superemos xa os máis de 100.000 alumnos beneficiados, fronte aos 12.500 con seccións bilingües no curso 2008/09”, incidiu. 

De inglés a chinés

O sistema educativo galego conta este curso con 655 auxiliares de conversa de 22 nacionalidades ao abeiro de diferentes vías, ben directamente financiados pola Xunta, ben a través da colaboración interinstitucional co Ministerio de Educación, co Instituto Confucio, co Instituto Camões ou coa Comisión Fulbright, a través dun orzamento que acada os 4,6M€. Aumentan en 18 o número nas aulas galegas destas persoas, que funcionan como apoio ao ensino de inglés (594 auxiliares), francés (30), portugués (14), alemán (10) e chinés (7). 

A figura da persoa auxiliar de conversa é un elemento clave para acercar a realidade cultural e lingüística do seu país de orixe ao alumnado galego. Deste xeito, estas persoas levan a cabo un importante servizo complementario, ao apoiaren o labor do profesorado, facilitando as prácticas de conversa en linguas estranxeiras. Ademais, representan un auténtico vehículo de achegamento á cultura dos países dos que proceden estes profesionais.

Edulingüe

Esta liña de actuación está enmarcada na nova Estratexia Galega de Linguas Estranxeiras, Edulingüe 2030, que ten como obxectivo consolidar os programas de éxito desenvolvidos na última década no impulso do plurilingüismo, en concreto na liña de impacto 5, centrada nas dinámicas de alta especialización de apoio lingüístico. A estratexia está dotada con 83M€ para a súa primeira fase de implantación, ata 2025.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/10/2023