Sanidade organiza a II Xornada Galega de Saúde Pública na que se abordará a prevención das enfermidades e a promoción de estilos de vida saudables

Serán inauguradas pola directora xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, Carmen Durán Parrondo

A conferencia inaugural correrá a cargo de Fernando Rodríguez Artalejo, catedrático de Medicina Preventiva e Saúde Pública da Universidade Autónoma de Madrid, quen falará sobre o etiquetado frontal Nutri-Score

Santiago de Compostela, 16 de outubro de 2023 O salón de actos da Consellería de Sanidade acollerá, o vindeiro día 20, a celebración da II Xornada Galega de Saúde Pública, na que expertos neste campo abordarán a prevención das enfermidades e a promoción de estilos de vida saudables.

Este segundo encontro, ao igual que o celebrado no mes de decembro do pasado ano, ten o propósito de visibilizar que, en materia de saúde pública en Galicia, traballan cos mesmos obxectivos as xefaturas territoriais de Sanidade, os servizos de medicina preventiva, os servizos asistenciais, así como os profesionais universitarios. Tamén ten o obxectivo de poñer en valor o traballo que se realiza dende Saúde Pública en materia de prevención da enfermidade e promoción de estilos de vida que melloren a saúde da poboación.

Temas a tratar

A inauguración da xornada, que organiza a Escola Galega de Saúde Pública, correrá a cargo da directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán Parrondo, quen dará paso á conferencia inaugural titulada: Podería mellorar a nosa alimentación o etiquetado frontal Nutri-Score?, que será pronunciada por Fernando Rodríguez Artalejo, catedrático de Medicina Preventiva e Saúde Pública da Universidade Autónoma de Madrid.

A primeira das mesas de debate abordará o control das enfermidades non transmisibles. Na mesma, moderada polo xefe de servizo de Medicina Preventiva do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo, Víctor del Campo Pérez; a xefa do servizo de Oncoloxía Médica do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña; Rosario García Campelo, falará do Plan Inspira Saúde e a detección precoz de enfermidades asociadas ao consumo de tabaco.

Tamén participan nesta primeira mesa, Isolina Santiago Pérez, do Servizo de Epidemioloxía da Consellería de Sanidade, quen falará do informe de resultados xerais do Rexistro Galego de Tumores. O terceiro dos temas abordados nesta mesa será a radiación solar e o cancro, a cargo de Dolores Sánchez-Aguilar Rojas, facultativa do Servizo de Dermatoloxía do Hospital Universitario de Santiago.

A segunda das mesas, Redes que dan Saúde, será moderada por Begoña Seco Varela, xefa territorial de Sanidade en Lugo. Na mesma abordarase a Rede Galega de Promoción da Saúde, da que falará Xermán Bugallo Sanz, coordinador da mesma. Tamén intervén Francisco Caamaño Isorna, catedrático de Medicina Preventiva e Saúde Pública da Universidade de Santiago, quen falará da Cátedra de Vida Saudable. Finalmente, Yasmina Martínez Barciela, investigadora da Universidade de Vigo, abordará a vixilancia de mosquitos vectores de enfermidades humanas e animais.

Investigación e actuacións no eido da saúde pública

Porta aberta ao coñecemento e á investigación é o tema da terceira das mesas a celebrar. Así, baixo a moderación do xerente de Axencia Galega de Coñecemento en Saúde, Antonio Fernández-Campa, falarase da Estratexia de cribado na eliminación de hepatite C en Galicia, a cargo do facultativo da área de Microbioloxía do Hospital Universitario de Santiago, Antonio Aguilera Guirao.

Pola súa parte, José Benito Quintana Álvarez, profesor titular do departamento de Química Analítica, Nutrición e Bromatoloxía da Universidade de Santiago, disertará sobre os contaminantes químicos, auga e saúde global; e Carlos Martín Montañés, catedrático de Microbioloxía na Facultade de Medicina da Universidade de Zaragoza, falará dunha nova vacina fronte á tuberculose en desenvolvemento clínico. Para rematar este apartado, Ángel Gil de Miguel, catedrático de Medicina Preventiva e Saúde Pública da Universidade Rey Juan Carlos, tratará o tema da investigación actual en vacinas.

As actuacións realizadas no eido da saúde pública en Galicia: Onde estamos e cara onde queremos ir; centrará a cuarta das mesas desta reunión. A moderación da mesma correrá a cargo da directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán Parrondo, sendo as súas integrantes, a subdirectora xeral de Programas de Fomento de Estilos de Vida Saudables; Silvia Suárez Luque; a subdirectora xeral de Programas de Control de Riscos Ambientais para a Saúde, Inés Mato Naveira; e a subdirectora xeral de Información sobre Saúde e Epidemioloxía, Marta Piñeiro Sotelo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/10/2023