O titular de Mar asiste a inauguración de novos equipamentos acuícolas en Esteiro, Muros

Alfonso Villares destaca o liderado do sector auxiliar da acuicultura galega, referente na súa aposta pola modernización e innovación

A empresa Crebamar estrea unha nova depuradora e unha cetárea de mariscos nas súas instalacións no concello coruñés

O conselleiro sinala que o recurso interposto polo Goberno estatal contra a Lei do Litoral galega xera enorme inseguridade xurídica para as empresas desta actividade
 

Muros (A Coruña), 14 de outubro de 2023

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, enxalzou o liderado da industria auxiliar da acuicultura galega tanto a nivel español como europeo, e a súa aposta pola innovacións e modernización da súa actividade. Un ámbito que só no relativo á depuración de marisco supera os 272 millóns de euros, segundo reflicten as últimas Táboas Input-Output da Pesca e a Conserva Galegas.

O titular de Mar realizou estas manifestacións desde Esteiro, no concello coruñés de Muros, onde asistiu a inauguración da nova depuradora e dunha cetárea de mariscos da empresa Crebamar, á que puxo como exemplo do bo facer de todo o sector contribuíndo a poñer en valor un recurso excelente que cada día ten maior recoñecemento nos mercados.

O conselleiro sinalou a importancia desta actividade dentro da cadea de valor dos produtos do mar de Galicia, que en función da súa facturación e do valor engadido que xeran son fundamentais para poñer o recurso en condicións hixiénico sanitarias positivas no mercado. Por iso se defende que teñan unha especial consideración, que é o que fixo o goberno galego coa aprobación da Lei de ordenación do litoral de Galicia.

O titular de Mar denunciou que a actuación do Goberno estatal recorrendo ante o Tribunal Constitucional a norma galega está a provocar unha enorme inseguridade xurídica que pon en grave risco a actividade deste tipo de industrias, afectando tamén ao resto do sector marítimo pesqueiro, especialmente á pesca artesanal -xa que captura produtos susceptibles de ser depurados- e tamén ao marisqueo a pé.

Alfonso Villares puxo en valor a excepcional localización da empresa muradá, a apenas uns quilómetros dunha lonxa do Freixo que se atopa próxima a un dos bancos de marisqueo máis grande de Europa. O titular de Mar subliñou que á riqueza natural das nosas rías hai que sumar a profesionalidade de compañías como Crebamar, factores que constitúen as claves da fortaleza desta industria que fai do sector un referente.

O conselleiro do Mar manifestou o compromiso claro e decidido da Consellería do Mar en continuar acompañando ao sector na súa transformación mediante diferentes liñas de axudas directas como as postas en marcha para aliviar as dificultades xeradas pola guerra de Ucraína, intensificando a promoción dos produtos de mar galegos tanto dentro como fóra das nosas fronteiras así como apostando aínda máis pola investigación que permita dotalo da resiliencia precisa para enfrontar con garantías os desafíos actuais e futuros.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 14/10/2023