O conselleiro do Medio Rural inaugurou o evento Alma Rural, que foi clausurado pola conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade

A Xunta salienta que todas as súas políticas a prol do rural recollen a presenza da muller no agro galego

Na apertura do acto, José González puxo en valor a presenza maioritaria da muller galega á fronte de explotacións agrogandeiras, xa que o número delas titulares na nosa comunidade supera o 50 %, moi por riba do 22,6 % da media nacional

Pola súa banda, Elena Rivo lembrou na clausura do evento que a contribución das mulleres rurais ao desenvolvemento económico e á igualdade de Galicia é inmensa e merece ser celebrada

Alma Rural, promovida por ambos departamentos do Goberno galego, celebrouse no pazo de Xerlís, no concello pontevedrés da Estrada, na véspera do Día internacional das mulleres rurais

Santiago de Compostela, 14 de outubro de 2023

O conselleiro do Medio Rural, José González, sinalou hoxe que todas as políticas da Xunta a prol do rural galego son representativas da presenza da muller neste ámbito. Así, na súa intervención de apertura de Alma Rural, o conselleiro lembrou que o colectivo feminino está presente nas axudas do Plan de Desenvolvemento Rural de Galicia cunha prioridade nos criterios de valoración para a concesión das achegas. Unhas axudas destinadas a apoiar os investimentos nas explotacións agrícolas, para a creación de empresas por agricultores mozos ou para o desenvolvemento de pequenas explotacións.

José González estivo acompañado neste acto pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé. O titular de Medio Rural puxo tamén en valor a presenza maioritaria da muller galega á fronte de explotacións agrogandeiras, xa que o número delas titulares na nosa comunidade supera o 50 %, moi por riba do 22,6 % da media nacional, remarcou.

Ademais, o conselleiro trasladou que “a historia de Galicia non se entende sen a historia particular das mulleres” e puxo en valor a súa contribución ao avance social como “loitadoras, emprendedoras, formadas, dinámicas e innovadoras”. Engadiu que “sosteñen o ceo cunha man, para cultivar a terra coa outra” e que cultivan a paisaxe, o espírito e a cultura. Por iso, avogou para seguir cultivando o feminismo, “coa limpeza do camiño da igualdade e cun desenvolvemento do rural en equidade”. A maiores, José González salientou que Alma Rural é froito da colaboración entre as consellerías de Promoción do Emprego e Igualdade e do Medio Rural, no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.

Contribución das mulleres

Precisamente, a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, foi a encargada de clausurar o acto, lembrando que a contribución das mulleres rurais ao desenvolvemento económico e á igualdade de Galicia é inmensa e merece ser celebrada. As mulleres rurais, dixo Rivo, constitúen a columna vertebral da economía local, como preservadoras da terra e das tradicións e como motoras da actividade.

Rivo destacou, neste eido, que as mulleres dos núcleos menos poboados son “parte activa” no emprendemento rural ao aportar o seu talento en favor do emprego igualitario e do traballo respectuoso co medio. A presenza feminina entre os usuarios da Rede autonómica de emprendemento é xa maioritaria, indicou a representante autonómica, quen quixo subliñar o rol deste colectivo como axente de cambio e por situar a loita pola igualdade e contra a violencia de xénero entre as súas prioridades.

Galicia conta co VIII Plan estratéxico de igualdade de oportunidades 2022-2027 e está a tramitar a nova Lei da igualdade que sitúan no centro das políticas as necesidades da muller rural e resaltan as súas contribucións ao crecemento de Galicia. Desde a Administración autonómica estase ademais a reforzar a cualificación profesional destas persoas con atención á mellora das súas competencias dixitais e ás traballadoras máis vulnerables.

Visibilidade

Alma Rural pretende dar visibilidade e fomentar a creación de novos proxectos no rural por parte do colectivo feminino, así como valorar os xa existentes, poñendo de relevo estas iniciativas e tamén ás mulleres que foron quen de idealas e executalas. A través desta terceira edición, Alma Rural seguiu apostando por aumentar a plataforma de mulleres que viven e traballan no medio rural e por facilitar a posta en común de experiencias e inquietudes deste segmento tan importante da poboación galega.

O programa do evento, que se celebrou no pazo de Xerlís, no concello pontevedrés da Estrada, na véspera do Día internacional das mulleres rurais, incluíu diferentes relatorios e mesas redondas con participación de representantes da administración pública e da sociedade civil. A maiores, acolleu tamén unha actuación musical e un petisco galego, coa degustación de produtos de calidade da nosa comunidade autónoma

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/10/2023