A delegada da Xunta salienta o labor dos centros sociocomunitarios de Vigo con actividades para máis de 30.000 persoas ao ano

Ana Ortiz mantivo unha xuntanza coas directoras dos seis centros sociocomunitarios que xestiona o Goberno galego en Vigo: Rivera Atienza, Bouzas, Coia, Pi Margall, Teis e O Calvario

Vigo, 14 de outubro de 2023

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, mantivo unha xuntanza coas directoras dos seis centros sociocomunitarios que o Goberno galego xestiona na cidade: Rivera Atienza, Bouzas, Coia, Pi Margall, Teis e O Calvario.

Acompañada pola xefa territorial de Política Social, Ángeles Rouco, a representante autonómica coñeceu de primeira man as actividades que se levan a cabo nos seis centros. “A Xunta é moi consciente do que significa para as viguesas e os vigueses dispoñer destes espazos, nos que non só comparten experiencias e fan amizades, senón que tamén mellora as condicións de vida e a súa autonomía”, sinalou.

Os seis centros de Vigo mobilizan anualmente uns 30.000 usuarios en conxunto aos que lles ofrecen máis de 200 actividades ao longo do ano, así como outros servizos complementarios como biblioteca, sala de xogos ou de prensa.

O completo programa de actividades converten estas instalacións no epicentro de ocio dos barrios vigueses e inclúen obradoiros temáticos, charlas e excursións, clases de ioga, tai chi e pilates, de informática, manualidades, pintura o baile, así como esmaltado, confección ou cestería, entre outras propostas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/10/2023