A Xunta apoia o tecido empresarial transfronteirizo na presentación de Mercatus

Trátase dunha iniciativa da Confederación Empresarial do Alto Miño (Ceval) e a Cámara de Comercio de Tui, coa colaboración da Cámara Municipal de Valença do Minho e o Concello de Tui

O principal obxectivo do proxecto é potenciar as actividades dos seus socios, asociados e empresas da Eurorrexión estimulando o desenvolvemento económico da área

Valença do Minho (Portugal), 13 de outubro de 2023 A Xunta apoiou a nova Asociación Europea de Interese Económico Mercatus coa participación dos directores xerais de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, e de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, no acto de presentación realizado hoxe con representantes das entidades impulsoras da iniciativa. Trátase da Confederación Empresarial do Alto Minho (Ceval) e da Cámara de Comercio de Tui, coa colaboración da Cámara Municipal de Valença do Minho e do Concello de Tui.

Nas distintas intervencións incidiuse na utilidade das Agrupacións Europeas de Interese Económico (AEIE) como ferramenta para dinamizar o tecido empresarial transfronteirizo, e no ánimo de todas as partes por formar un espazo común que mellore as oportunidades económicas na eurorrexión. Apuntouse tamén a necesidade do desenvolvemento de proxectos en formación especializada, fomento da dixitalización e promoción do espírito empresarial.

No peche do acto, Jesús Gamallo remarcou que a relación entre Galicia e Norte de Portugal leva anos sendo un modelo de cooperación na Unión e referiuse á importancia de que se dea a todos os niveis. Así, destacou a relevancia da dimensión empresarial para a xeración de riqueza, a necesidade do instrumento económico POCTEP para o desenvolvemento da rexión, o papel da Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia – Norte de Portugal (GNP – AECT) como executora das políticas galegas e do norte de Portugal, e subliñou como un dos obxectivos prioritarios da Xunta “apoiar a colaboración leal entre o empresariado e fomentar a integración das actividades económicas a ambos os lados da Raia”.

A Agrupación Europea de Interese Económico (AEIE) é unha entidade creada polo ordenamento xurídico comunitario para facilitar o desenvolvemento da actividade económica dos seus membros e mellorar os seus resultados.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/10/2023