Unha delegación bávara interésase polo modelo de inclusión e dixitalización do ensino galego

Visitaron o Centro de Innovación Educativa e Dixital, que colabora directamente coa institución xermana de referencia no ámbito

Amosáronse sorprendidos polo bo traballo de centros como o Instituto San Clemente de Santiago ou os colexios de Meaño-As Covas e Chancelas (Poio)

 

Santiago de Compostela, 15 de outubro de 2023

O sistema educativo galego recibiu estes días a visita de responsables de distintas áreas educativa da rexión de Oberfranken (Baviera, Alemaña) interesadas en coñecer as políticas educativas e o traballo dos centros en materia de dixitalización e infraestruturas TIC, formación do profesorado ou atención ao alumnado con necesidades especiais, inclusión e gobernanza, entre outros ámbitos.

Acompañados pola directora xeral de Ordenación e Innovación educativa, Judith Fernández, a delegación tivo a oportunidade de visitar o Centro de Innovación Educativa e Dixital (CIEDIX). Un centro galego que, tal e como puideron comprobar, colabora directamente co ISB (Instituto Estatal de Calidade Escolar e Investigación Educativa), institución de referencia para a delegación bávara que pon a disposición dos centros educativos alemás os resultados de diferentes investigacións sobre experiencias nas aulas e que asesora e apoia ao Ministerio de Educación e Asuntos Culturais de Baviera. Ademais, coñeceron de primeira man a actividade do Centro Autonómico de Formación e Innovación, onde se lles presentaron as liñas de formación do profesorado que ten en activo a Xunta de Galicia e a estrutura dos plans neste ámbito.

No que atinxe ao funcionamento dos centros, o equipo bávaro visitou o Instituto IES San Clemente de Santiago, onde foi se informaron sobre os procesos de dixitalización do centro, funcionamento do claustro ou as prácticas de inclusión. Fóra do ámbito urbano, coñeceron en primeira persoa o traballo dos colexios plurilingües CEIP de Meaño-As Covas e de Chancelas (Poio), ambos centros destacados en inclusión, uso de recursos dixitais e formación docente.

A delegación amosouse moi sorprendida pola integración do alumnado con necesidades especiais e mesmo polo manexo dos escolares en competencias en lingua inglesa, así como polo funcionamento de programas como Radio na Biblio.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/10/2023