A Xunta inviste este ano case 400.000€ en actuacións impulsadas polos concellos de Lobios, Muíños e Bande no marco das axudas de apoio ao eido local

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, visitou as localidades para comprobar as melloras feitas en diversas infraestruturas e servizos municipais

O investimento do Goberno galego nos tres municipios nos últimos anos supera os 2,8 millóns de euros

A través das distintas liñas de axuda específicas aos concellos distribuíronse máis de 27,2 millóns de euros para a execución de 600 proxectos de carácter local

Lobios (Ourense), 13 de outubro de 2023.- O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado da directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, e do delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitou hoxe os concellos de Lobios, Muíños e Bande para comprobar varias das melloras realizadas ou previstas ao abeiro das axudas de apoio ao eido local e a infraestruturas deportivas. Neste marco de acción, a Xunta investiu nos últimos anos máis de 2,8 millóns de euros nestas localidades, case 400.000 só en 2023, para obras en infraestruturas e para dotacións municipais.

 

Así, a Xunta destina a Lobios este ano preto de 214.000 euros, dos que 140.000 se corresponden coas obras de mellora enerxética previstas na casa consistorial e no pavillón de deportes a prol do aforro e o confort das persoas usuarias. No consistorio vanse renovar a cuberta e o alumeado interior, ademais de realizar melloras na instalación eléctrica e na calefacción, e no pavillón vanse renovar a cuberta da zona dos vestiarios e as duchas.

 

Segundo sinalou o vicepresidente primeiro, estas actuacións fináncianse a través do fondo adicional do Fondo de Cooperación Local (FCL), co que o concello de Lobios tamén vai adquirir unha miniescavadora cunha achega de 29.000 euros, e a realizar un estudo de viabilidade para comunidades enerxéticas nas parroquias, con preto de 15.000 euros. A maiores, esta localidade beneficiouse do Fondo de Compensación Ambiental (FCA) cunha axuda de case 30.000 euros para a pavimentación e soterramento de cables no núcleo de Puxedo.  

 

Renovación de iluminación en Muíños

No concello de Muíños, a visita centrouse nas obras case rematadas da renovación da iluminación en distintos puntos do concello, ás que se destinaron 30.000 euros do FCA. Concretamente, estase a mellorar a iluminación exterior no núcleo da Pousa e a interior da casa consistorial e do albergue A Rola coa substitución das luminarias por outras tipo led, máis eficientes.

 

Diego Calvo referiuse a outras das axudas recibidas por esta localidade, como os 29.000 euros para a adquisición de maquinaria ou os 46.000 para a mellora do abastecemento dos núcleos de Piñoi, Cados e Porqueirós, ambas no marco do fondo adicional do FCL.

 

Ademais, o vicepresidente primeiro visitou o complexo turístico deportivo do Corgo, onde vai ser ampliado o hangar de embarcacións cunha achega superior aos 38.000 euros e adquirido equipamento cun financiamento de 10.000 euros. Estas contías enmárcanse na primeira convocatoria de axudas para instalacións deportivas municipais, dotada con case seis millóns de euros e que beneficiou 148 municipios de toda a comunidade. Calvo incidiu na boa acollida desta iniciativa, que levou a Xunta a lanzar unha segunda convocatoria cun orzamento de dous millóns de euros, e que se suma á orde destinada á mesma fin para entidades deportivas, que repartiu 1,3 millóns de euros entre 59 beneficiarias.

 

No que respecta á visita a Bande, o vicepresidente primeiro puido comprobar as melloras realizadas na biblioteca municipal e no parque infantil no marco das ordes de infraestruturas de uso público dos anos 2021 e 2022, con achegas que suman 70.000 euros. Diego Calvo indicou que a Xunta segue este ano apoiando proxectos neste concello, con case 5.000 euros do FCA para cambios de luminarias no alumeado público, e 74.719 do fondo adicional do FCL para a adquisición dunha rozadoira e melloras de abastecemento.

 

Compromiso cos concellos

Durante o percorrido, Calvo incidiu no compromiso do Goberno galego cos concellos para garantirlle a dispoñibilidade de infraestruturas e servizos municipais de calidade a toda a cidadanía, con independencia do seu lugar de residencia e impulsar así o equilibrio territorial. Segundo sinalou, a través das convocatorias de axudas específicas, como a Orde de infraestruturas de uso público o Fondo de Compensación Ambiental ou o Fondo de Cooperación Local, ao longo de 2023 distribuíronse máis de 27,2 millóns de euros para a execución de máis de 600 proxectos municipais.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/10/2023