A Xunta impulsa catro residencias artísticas no Gaiás ligadas aos coidados, a moda sostible, a artesanía do coiro e a saúde mental

‘Coidad@’ de Marcos Dios Aguado, ‘Con/suere’ de Ana Pérez Valdés, ‘Coiro Fervido’ de Edita Rodríguez Oca e ‘Está vostede aquí?’ de Sara Donoso son os proxectos seleccionados na convocatoria

Cada un recibirá unha achega de 8.000 euros e disporá dun espazo de traballo, recursos e equipos técnicos na Cidade da Cultura entre outubro e novembro

Un total de 96 candidaturas, case o dobre que o ano anterior, presentáronse á segunda edición de axudas do Programa de Residencias Artísticas do Gaiás

Santiago de Compostela, 14 de outubro de 2023

A Cidade da Cultura suma catro novos proxectos na segunda convocatoria do Programa de Residencias Artísticas do Gaiás (REGA) impulsados pola Xunta de Galicia. Os coidados e o diálogo interxeracional, a reivindicación da costura e a moda doméstica como alternativa ao consumo industrial, a recuperación da técnica do coiro fervido para a creación de pezas contemporáneas e a investigación desde as artes sobre o impacto emocional da sobreprodutividade son os temas centrais dos proxectos seleccionados nesta edición.

Cada unha recibirá unha axuda de 8.000 euros e poderá aproveitar os espazos, recursos e equipos técnicos da Cidade da Cultura para o seu desenvolvemento durante os meses de outubro e novembro. Ademais, contarán coa orientación de persoas mentoras expertas vinculadas ao campo artístico ou técnico de cada proxecto: artes escénicas, deseño, moda e artes visuais.

Proxectos seleccionados

No teatro físico e de obxectos desenvolverá a súa residencia artística o actor, director e creador de monicreques pontevedrés Marcos Dios Aguado. Coidad@ é o título do seu proxecto, no que mestura a creación dunha marioneta híbrida de tamaño humano e explora as súas posibilidades expresivas coa luz e o son para falar sobre os coidados e a dependencia, as relacións interxeracionais e os estereotipos que nos enfrontan á hora de relacionarnos.

A artista e deseñadora asturiana Ana Pérez Valdés, formada na Universidade de Vigo, propón en Con/suere recuperar o saber da costura e reivindicar a confección de prendas feita nas casas, como un convite aberto a repensar o lugar da moda na sociedade e a nosa relación con ela. Faino a través da creación dunha colección de cinco estilismos cos seus patróns e instrucións para que calquera poida replicalos —presentados nunha publicación inspirada nos libros e revistas de labores— e dúas curtametraxes en vídeo que complementan e documentan o seu proceso creativo.

Tamén ao eido do deseño pertence o proxecto Coiro fervido, da estradense Edita Rodríguez Oca. A artesá investigará a técnica do mesmo nome —empregada maioritariamente na fabricación de máscaras, armaduras e vasos ligados a unha estética medieval ou Art Deco— para aplicala á creación de obxectos contemporáneos, neste caso unha peza decorativa inspirada á súa vez na arquitectura da Cidade da Cultura. O coiro fervido é un procedemento antigo que trae ao presente valores como a responsabilidade ambiental, xa que os obxectos poden fabricarse con materiais desbotados doutras elaboracións, non xeran residuos e son biodegradables.

A comisaria e xestora cultural de Redondela Sara Donoso lanza a pregunta Está vostede aquí? na súa proposta de residencia artística, mestura de práctica e investigación. Partindo da análise do impacto que a sobreproductividade e a sociedade hiperconectada teñen na estabilidade emocional das persoas, Donoso convidará a oito artistas a participar nun proxecto de artes visuais colectivo, na forma de fanzine, ao redor desta temática. Unha mesa redonda para abrir o debate e un cuestionario sobre como estas tendencias afectan á propia práctica artística completan a proposta.

Dobre de candidaturas

A segunda edición das coñecidas como Axudas REGA recibiu un total de 96 candidaturas, case o dobre máis que na primeira edición, que contou con 56 proxectos. Neste ano 2023, unha vintena de proxectos vinculados coas artes escénicas e performativas, a danza, a música, o audiovisual, a literatura e as artes visuais beneficiáronse dos espazos, recursos técnicos e relacionais que a Cidade da Cultura pon á súa disposición co programa Residencias Artísticas do Gaiás.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/10/2023