O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, abordou con representantes do Concello de Santiago os resultados do estudo de mobilidade e do aparcadoiro do Hospital Clínico de Santiago realizado pola Xunta

A Xunta traslada ao Concello de Santiago a necesidade de mellora do transporte público urbano para facilitar o acceso ao Hospital Clínico e optimizar o aparcadoiro

O estudo de mobilidade acredita que só o 16 % da poboación de Santiago ten a menos de 300 metros unha parada do autobús urbano con conexión co hospital, polo que cómpre incrementar a cobertura dos servizos

A Xunta propón mellorar a oferta de transporte público para profesionais sanitarios, o que contribuiría á súa mobilidade e a desconxestionar o aparcadoiro, que ás 8 da mañá xa rexistra unha ocupación do 90 %

No ámbito do transporte interurbano, o Goberno galego xa habilitou liñas autobús desde as comarcas de Deza ou do Barbanza para que os profesionais sanitarios destas áreas teñan a opción do transporte público para ir aos hospitais de Santiago

Identifícase unha necesidade futura de 624 prazas de aparcamento en hora punta, unha vez mellorado o transporte público urbano, que será necesario habilitar na contorna do hospital

Santiago de Compostela, 13 de outubro de 2023 A Xunta trasladou hoxe ao Concello de Santiago a necesidade de mellorar o sistema de transporte público urbano co fin de facilitar o acceso ao Hospital Clínico e optimizar o aparcadoiro.

Esta necesidade despréndese do ‘Estudo de mobilidade e aparcadoiro do Hospital Clínico de Santiago e do Hospital Provincial de Conxo’, abordado hoxe nunha reunión técnica entre o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, xunto co xefe da Área de Deseño de Infraestruturas, Carlos Lefler, e os concelleiros de Mobilidade, Sustentabilidade Ambiental e Urbanismo do Concello de Santiago, Xan Duro, Xesús Domínguez e Iago Lestegás, respectivamente.

A análise elaborada pola Xunta permite dispoñer dun diagnóstico sobre o funcionamento do tráfico e a demanda de aparcadoiro na zona, tendo en conta as necesidades futuras, co obxectivo de planificar solucións eficaces a curto, medio e longo prazo.

O estudo pon de manifesto a importancia de optimizar o sistema do autobús urbano, de competencia municipal, axustando as liñas cara ao hospital e as paradas para aumentar a cobertura e reducir o emprego de vehículo particular.

O estudo apunta á necesidade de solucionar a baixa cobertura que presentan actualmente os servizos de transporte urbano con destino ao hospital, xa que só o 16 % da poboación de Santiago conta cunha parada de transporte urbano con conexión directa co hospital a menos de 300 metros da vivenda.

No marco desta aposta polo transporte público, a Xunta aposta por afondar no reforzo do transporte dirixido aos traballadores dos hospitais.

Esta opción, ademais de mellorar a comodidade e seguridade dos profesionais, contribuirá a unha maior fluidez no aparcadoiro, pois o estudo revela que ás 8 horas da mañá case o 90 % das prazas están xa ocupadas, presumiblemente, por persoal sanitario que se despraza ao centro de traballo en vehículo particular.

Cómpre lembrar que a Xunta xa está a activar novas liñas de autobús interurbano para favorecer os desprazamentos dos profesionais sanitarios da área cara aos hospitais de Santiago. Así, habilitouse unha expedición desde Lalín e Silleda e outra desde a comarca do Barbanza, facilitando aos traballadores destas comarcas de Deza e do Barbanza a conexión diaria cos centros hospitalarios.

Máis prazas de aparcadoiro e fluidez no tráfico

O Goberno galego, sobre a base do estudo realizado, tamén propón a creación dunha nova zona de aparcadoiro no entorno do CHUS para os usuarios do complexo, co obxectivo de dar cobertura a unha necesidade futura de 624 prazas en horas punta, que se produce en torno ás 12 da mañá, considerando xa unha mellora no transporte público urbano.

Tamén resulta estratéxica a optimización futura do fluxo do tráfico na contorna do hospital, a través dunha reordenación viaria que evite os puntos de cruce para axilizar a circulación e minimizar a conxestión.

As propostas de actuación derivadas da análise realizada tamén inclúen a habilitación dunha vía de acceso libre de obstáculos para os vehículos de emerxencia, de xeito que as entradas e saídas do hospital sexan fluídas e eficientes.

No documento avógase por dotar a porta principal do hospital dun lugar de baixada dos vehículos ou kiss & ride, evitando estacionamentos no acceso que obstaculicen os movementos no complexo.

Ademais da mellora do transporte público, cabe recordar que a Xunta está a impulsar un itinerario para desprazarse a pé ou en bicicleta dun xeito cómodo e seguro entre O Milladoiro e Santiago, con paso polo Hospital Clínico.

Trátase dunha senda que conectará O Milladoiro, o Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, a estación intermodal e San Caetano: case 13 km que suporán un investimento autonómico de preto de 12 M€ e cuxas obras comezarán este ano.

O traxecto de acceso ao Hospital Clínico desde este itinerario comezará no antigo túnel de Adif e finalizará na avenida da Liberdade, no barrio de Santa Marta, nas proximidades do centro hospitalario.

Ampliación do CHUS

Estas medidas para a mellora da mobilidade na contorna do Hospital Clínico de Santiago enmárcanse na ampliación do complexo que está a promover a Xunta, cun orzamento de preto de 95 M€, incluíndo o novo centro de protonterapia de Galicia.

O obxectivo é incrementar a superficie do actual hospital en case un 30 %, posibilitando contar con 5 novas unidades de hospitalización e unha nova unidade de hematoloxía, sumando 208 camas máis e permitindo que as habitacións sexan dobres ou individuais.

O aumento de superficie permitirá, ademais, reforzar as urxencias pediátricas e reformar as de adultos, incorporar 7 novos quirófanos e terá incidencia directa noutras áreas como o laboratorio de microbioloxía, o hospital de día, a unidade de mama, área de endoscopias e consultas externas.

Data de actualización: 13/10/2023