A Xunta colabora con preto de 175.000 euros no acondicionamento de parques infantís en Cabanas, Ares, Mañón, Mugardos e San Sadurniño

A delegada territorial en Ferrol, Martina Aneiros, comprobou o resultado dos traballos executados en Cabanas e financiados cunha axuda da orde de Infraestruturas de uso público

Neste 2023, a Xunta mantivo o orzamento de 3,5 M€ desta convocatoria a través da que concedeu 104 axudas a municipios galegos
 

Cabanas (A Coruña), 13 de outubro de 2023

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, acompañada do alcalde de Cabanas, Fernando Couce, visitou esta mañá as obras de acondicionamento e mellora do parque infantil da localidade que o Concello executou cunha achega autonómica de 32.779 euros da liña de Infraestruturas de uso público da Vicepresidencia primeira e consellería de Presidencia, Deportes e Xustiza.

Durante a visita, a delegada comprobou o resultado dos traballos que permitiron renovar os xogos infantís existentes, así como o pavimento continuo de caucho, incluída a base de formigón. No caso do mobiliario urbano, tamén se instalaron novos bancos de madeira e papeleiras.

“Gracias a esta intervención, os nenos de Cabanas contarán cunhas novas instalacións que garantan a utilización de forma segura de cada un dos elemento e un aumento da capacidade dos usuarios do parque”, indicou a responsable da Xunta.

Martina Aneiros lembrou que este apoio materializouse a través da orde de Infraestruturas de uso público á que poden optar as entidades locais co obxectivo de crear e mellorar as súas instalacións municipais empregadas na prestación de servizos eficientes e de calidade. Neste 2023, a Xunta mantivo o orzamento de 3,5 M€ desta orde de axudas da que se beneficiaron 104 municipios.

Nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal concedéronse cinco axudas por valor de preto de 175.000 euros. Ademais de Cabanas resultaron beneficiarios os Concellos de Ares (37.736 euros) para unha actuación no parque infantil de 1 a 6 anos do porto, Mañón (33.860,76 euros) para unha intervención no parque infantil de Esteiro, Mugardos (30.480 euros) para obras de reparación e mantemento en varios parques do municipio e San Sadurniño (40.000 euros) para a instalación de cuberta, reforma e apertura para uso libre do parque infantil do CPI San Sadurniño.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/10/2023