O delegado territorial visita a sede da Asociación Española Contra el Cáncer en Pontevedra

Pontevedra, 11 de outubro de 2023

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá a sede da Asociación Española Contra el Cáncer en Pontevedra. Alí coñeceu as instalacións da entidade e conversou cos responsables da asociación sobre a importante labor que levan a cabo.

Reguera aproveitou para lembrar o gran traballo que se está a realizar en Galicia na prevención desta enfermidade: “En Galicia somos pioneiros na introdución e extensión de cribados poboacionais e queremos seguir sendo unha referencia”. Neste sentido lembrou que o presidente da Xunta anunciou a principios de ano a ampliación dos cribados de cancro de mama ata os 74 anos, polo que se estima que a poboación diana se incrementará nun 25% en toda Galicia, o que supón 100.000 mulleres máis.

O delegado territorial finalizou a visita agradecendo a todos os involucrados na asociación o “gran traballo” que levan a cabo diariamente e “a axuda desinteresada” que ofrecen aos doentes e ás súas familias.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/10/2023