A Xunta ofrece aos 225 concellos da rede contra a violencia de xénero un catálogo de espectáculos, cursos e exposicións para a sensibilización no eido local

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade remitiu unha carta ás entidades locais para que poidan solicitar as actuacións para a sensibilización contra a violencia de xénero, que terán para eles caráter gratuíto

No catálogo que ofrece a Xunta inclúense obradoiros de autodefensa, obras de teatro ou programas de terapia e asistencia psicolóxica a persoas vítimas

Santiago de Compostela, 12 de outubro de 2023

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade está a ofrecer aos 225 municipios que forman parte da Rede de entidades locais contra a violencia de xénero un catálogo de espectáculos, exposicións, obradoiros e visitas para reforzar as iniciativas de sensibilización contra esta lacra entre a poboación e contribuír, así, ao rexeitamento institucional e social.

A iniciativa enmárcase na colaboración que a Xunta de Galicia mantén nesta materia coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) desde o ano 2017.

O Goberno galego propón a realización dunha serie de actuacións de prevención, información, formación e asistencia directa ás vítimas e ás súas fillas e fillos. Nunha carta remitida aos concellos pola Secretaría Xeral da Igualdade, lémbraselles que a organización destas actuacións non conleva custo algún para as entidades.

No catálogo ofertado aos concellos, a Xunta revalida iniciativas de éxito como Chicas nuevas 24 horas, baseada no documental do mesmo nome da directora e documentalista Mabel Lozano, no que se denuncia o negocio que xera a explotación sexual de mulleres e nenas dirixido á xente moza. Tamén se inclúe o espectáculo teatral pedagóxico Golpes, que o ano pasado xa percorreu centros escolares de Galicia, tratando e previndo as desigualdades desde idades temperás.

Entre as iniciativas figuran, ademais, cursos de defensa persoal e autocapacidades para mulleres e mozas, exposicións gráficas ilustradas e de fotografía, obradoiros para a mocidade sobre novas formas de violencia, programas de asesoramento e terapia familiar así como de intervención psicolóxica. Tamén se ofrece a posibilidade de visitar o Centro de recuperación integral de mulleres que sofren violencia de xénero de Santiago de Compostela e outras accións divulgativas que poñen o foco na sensibilización ás persoas máis novas.

A Rede de entidades locais en contra da violencia de xénero está integrada na actualidade por 225 entidades locais, que traballan, entre outros obxectivos, na promoción e apoio a proxectos de prevención e detección precoz da violencia de xénero. Con carácter xeral, está a fomentar o trato igualitario entre mulleres e homes para avanzar na tolerancia cero cos agresores.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/10/2023