A Xunta colabora na celebración da II Festa da Vendima de Monterrei para poñer en valor os viños da comarca

Terá lugar o vindeiro sábado 14 e está promovida polo Concello e o Consello Regulador da Denominación de Orixe

Nesta DO recolléronse máis de 6,9 millóns de quilos de uva, un ano máis récord absoluto para esta denominación, cun aumento dun 2% respecto do ano pasado e dun 29% da media da última década

Santiago de Compostela, 11 de outubro de 2023

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, participará na celebración da II Festa da Vendima de Monterrei que terá lugar o vindeiro sábado, 14 de outubro. A xornada, promovida polo Concello e o Consello Regulador da Denominación de Orixe Monterrei, comezará a partir das 12 horas.

A Xunta participará a través dun mercado con postos de produtores de Artesanía Alimentaria, no que se poderán mercar e degustar aceite de oliva, xeados, conservas de froitas e hortalizas, salgados e patés, sidra e produtos de pastelería e confeitería.

Ademais, os asistentes poderán desfrutar dunha feira agroalimentaria que da visibilidade aos produtos do territorio amparados baixo un selo de calidade diferenciada; dunha foliada a cargo dun cuarteto tradicional e un xantar no que se poderá degustar porco asado acompañado doutros produtos gastronómicos da comarca. Ademais, haberá un folión no que as uvas chegarán nun carro tirado por bois e se descargarán no lagar. A continuación, os vendimadores recrearán o proceso tradicional de pisado das uvas.

Cabe sinalar que esta segunda edición da Festa da Vendima enmárcase na celebración do final na vendima, nunhas datas nas que as adegas de comarcas vitivinícolas galegas están a recibir os seus últimos acios. A vendima de 2023 implicou a preto de 7.500 explotacións vitícolas e a máis de 400 adegas.

Na denominación de orixe Monterrei recolléronse máis de 6,9 millóns a data de hoxe, un ano máis récord absoluto para esta denominación, cun aumento dun 2% respecto do ano pasado e dun 29% da media da última década. A variedade godello supón o 55% de toda a uva vendimada e o 75% da branca, mentres que a treixadura representa un 19% de uva branca. Albariño, Dona Branca e Loureira completan unha lista de variedades brancas.

Data de actualización: 11/10/2023