A Xunta colabora co clúster de comunicación de Galicia para visibilizar o deseño galego a través dos premios Paraugas

A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, acompañada pola delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participou esta mañá en Ferrol na presentación dos galardóns

Ferrol, 11 de outubro de 2023

A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, acompañada pola delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participou esta mañá en Ferrol na presentación dos VII Premios Paraugas, nos que a Xunta colabora co Clúster de Comunicación de Galicia para visibilizar o deseño galego.

A directora valorou que este ano a entrega de premios se realice en Ferrol, tendo en conta que esta cidade acolle tanto o CIS Tecnoloxía e Deseño como a Escola de deseño Industrial da Universidade da Coruña.

Argerey explicou que o recoñecemento ao deseño que se realiza en Galicia é un dos eixes do Programa de Deseño para a Innovación e a Sustentabilidade posto en marcha por Gain en 2018. Lembrou que, nestes anos, xa se recoñeceu o traballo de profesionais, estudios e empresas que aplican o deseño como ferramenta de innovación e competitividade, como é o caso de Cenlitrosmetrocadrado, Rodiñas, Kindergarten, 988, Teiga Studio ou Tío Phil.

A directora puxo en valor o traballo que se está a realizar con axentes do sector e entidades como o Clúster de Comunicación de Galicia, a Asociación Galega de Deseño, a Rede de Asociacións de Deseño ou profesionais portugueses -a través da vindeira Porto Design Biennale- para avanzar no uso do deseño como aliado para solucionar problemas e aproveitar oportunidades de negocio mediante enfoques innovadores.

Ademais, Patricia Argerey avanzou que no mes de decembro se entregarán os Premios Galicia de Innovación e Deseño para os que xa se recibiron preto de 70 propostas que deberán ser avaliadas polo xurado.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/10/2023