Martina Aneiros invita a sumarse a unha nova edición do bono Activa Comercio que conta cun orzamento de 2,5 millóns de euros

As persoas consumidoras poden desde o luns descargarse este bono de 30 euros en formato dixital QR que se irá descontando en función do valor das compras que realicen en diferentes tramos

Estará dispoñible ata o 31 de decembro ou ata o esgotamento do crédito, de tal forma que cando se alcance o orzamento previsto, os bonos descargados xa non se poderán empregar

Ferrol, 11 de outubro de 2023

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, lembrou que xa a está a disposición das persoas consumidoras o novo Bono Activa Comercio, un bono desconto de 30 euros que se pode empregar nos establecementos adheridos a esta campaña da Consellería de Economía, Industria e Innovación e para a que Goberno galego destina un orzamento de 2,5 M€ co que espera mobilizar 8,5 M€ en vendas.

“A Xunta segue a manter o seu compromiso co pequeno comercio e coas familias neste contexto de alza de prezos, co obxectivo de reducir o impacto que a inflación está a ter na súa economía”, explicou a delegada territorial esta mañá durante unha visita á xoguetería Explorer 66, un dos 60 establecementos de Ferrol adheridos ata o momento á campaña, na que estivo acompañada do tenente de Alcalde de Ferrol, Javier Díaz Mosquera.

O funcionamento do bono que ten un formato dixital QR e se pode descargar na web www.bonosactivacomercio.gal, é igual ca da última convocatoria. O importe irase reducindo en función do valor da compra en diferentes tramos: para compras iguais ou superiores a 20 euros e inferiores a 30, correspóndelles un desconto de 5 euros; para iguais ou superiores a 30 euros e inferiores a 50, a rebaixa será de 10 euros; mentres que para compras a partir de 50 euros o desconto alcanzará os 15 euros.

Coa finalidade de optimizar o seu funcionamento, non se limitará o número de usuarios que poden descargar os bonos (un por persoa), senón que cando o importe total dos descontos realizados alcance o crédito previsto (2,5 M€), os bonos descargados xa non se poderán empregar.

Os bonos estarán dispoñibles para a súa descarga e uso ata o 31 de decembro ou ata o esgotamento do crédito; mentres que os establecementos interesados terán de prazo ata o 15 de decembro para adherirse a esta iniciativa.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/10/2023