A Xunta organiza a terceira edición de Alma Rural para poñer en valor a contribución do colectivo feminino ao desenvolvemento do agro galego

O evento, promovido pola Consellería do Medio Rural en colaboración coa Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, celebrarase este sábado no pazo de Xerlís, no concello pontevedrés da Estrada, na véspera do Día internacional das mulleres rurais

A actividade quere ser un referente para dar a coñecer e fomentar a creación de novos proxectos, así como para valorar os xa existentes, dándolles visibilidade a estas iniciativas e tamén ás mulleres que foron quen de idealas e executalas
 

Santiago de Compostela, 11 de outubro de 2023

Os “desafíos da muller rural” centrarán a terceira edición de Alma Rural, unha xornada organizada pola Xunta para poñer en valor a contribución do colectivo feminino ao desenvolvemento do agro galego que terá lugar o vindeiro sábado, día 14 de outubro, no pazo de Xerlís, no concello pontevedrés da Estrada, na véspera do Día internacional das mulleres rurais.

Este evento, promovido pola Consellería do Medio Rural en colaboración coa Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, quere ser un referente para dar a coñecer e fomentar a creación de novos proxectos, así como para valorar os xa existentes, dándolles visibilidade a estas iniciativas e tamén ás mulleres que foron quen de idealas e executalas.

Con esta terceira edición, Alma Rural segue apostando por fomentar o aumento da plataforma de mulleres que viven e traballan no medio rural e por facilitar a posta en común de experiencias e inquietudes deste segmento tan importante da poboación galega.

Programa

O programa desta actividade inclúe relatorios e mesas redondas con participación de representantes da administración pública e da sociedade civil. Así, a xornada abrirase cun relatorio sobre “mulleres que inspiran”, a cargo de Laura Vallejo. A continuación, terá lugar unha mesa redonda co título “Desafíos das políticas integrais para a igualdade de xénero”, na que intervirán Cristina Pichel, directora xeral de Xuventude; Raquel Touriño, presidenta da Federación Pola Igualdade da Provincia de Pontevedra (Femupo); Marina Magan, directora corporativa de administración e membro do consello de administración de Exlabesa e Kim Llobet, presidenta da Asociación Mulleres que poden.

A seguir, un novo relatorio de “mulleres que inspiran”, con Noelia Míguez, a sesión vermú e unha nova mesa redonda arredor de “a figura da muller no desenvolvemento rural”. Nela participarán Inés Santé, directora xeral de Desenvolvemento Rural; Milagros González, presidenta do Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida Pemento de Herbón; Raquel Vázquez, emprendedora da Fundación Roberto Rivas; Manuel Fernández, empresario en servizos de substitución gandeira e Ramiro Ruibal, xerente do Grupo de Desenvolvemento Rural Pontevedra Norte.

Posteriormente haberá un terceiro relatorio dentro do apartado “mulleres que inspiran”, esta vez coa presenza de Lucía Casal. Despois, tras o peche institucional, terá lugar unha actuación musical e un petisco galego, coa degustación de produtos de calidade da nosa comunidade.

 
Data de actualización: 11/10/2023