A Xunta recibe seis ofertas para executar as obras de mellora da estación de tratamento de auga potable de Noia, que suporá un investimento de 1,3 M€

Trátase de modernizar a planta e ampliar a capacidade actual da potabilizadora para dar servizo a ata 24.000 habitantes

Instalarase un pretratamento completo, dúas bombas somerxibles, automatizarase o proceso e reformarase a instalación eléctrica

O obxectivo da Xunta é adxudicar o contrato nos primeiros meses de 2024 e empezar a continuación as obras, cun prazo de execución de 6 meses

O contrato enmárcase nas actuacións da Xunta de apoio á xestión dos servizos municipais da auga no concello de Noia, ás que se suma a execución da mellora da depuradora de augas residuais, cun investimento de máis de 2,3 M€

Santiago de Compostela, 12 de outubro de 2023

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, recibiu seis ofertas de empresas para executar as obras de mellora da potabilizadora de Noia, que suporán un investimento de 1,3 M€.

Trátase de intervir na estación potabilizadora deste municipio, deseñada para servir a unha poboación aproximada de 15.000 habitantes, co obxectivo de ampliar a súa capacidade e servir ata 24.000 habitantes.

Mediante este contrato, actuarase ademais na mellora e modernización da planta, que na actualidade non está automatizada, carece de pretratamento previo e ten problemas no sistema eléctrico.

O obxectivo da Xunta é adxudicar o contrato nos primeiros meses de 2024 para poder iniciar a execución das obras tan pronto como sexa posible. Os traballos contan cun prazo de execución de 6 meses.

Os traballos obxecto deste contrato consistirán na instalación dun pretratamento completo, de dúas bombas somerxibles, a automatización do proceso, a execución dunha nova liña de lodos, a instalación dun bombeo de recirculación para a desinfección e a reforma do circuíto hidráulico e da instalación eléctrica.

Este contrato forma parte das actuacións da Xunta para apoiar ao Concello de Noia na xestión dos servizos da auga de competencia municipal, ás que se engade a execución da mellora da depuradora de augas residuais, cun investimento de máis de 2,3 M€.

En total, a Xunta está a investir 3,6 M€ para a mellora das infraestruturas hidráulicas deste municipio coruñés.

Data de actualización: 12/10/2023