A Xunta destina preto de 2 M€ a unha nova liña de axudas para pemes e autónomos dirixida a neutralizar a suba de tipos de xuro

Rueda resalta que o obxectivo é facilitar o acceso á financiación do tecido empresarial e “garantir a viabilidade económica” dos proxectos en marcha

Salienta que os potenciais beneficiarios serán as empresas e autónomos que teñan un préstamo do Igape cun tipo de xuro maior do 0% e variable e que se atope ao día nos pagamentos

Os apoios consistirán na subvención de “ata 3,5 puntos nos tipos de xuro das operacións”

Esta liña de axudas complementa os programas de reavais e préstamos directos que desenvolve cada ano a Xunta de cara a facilitar o acceso ao crédito ao tecido empresarial galego
 

Santiago de Compostela, 11 de outubro de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Goberno autonómico lanza “unha nova liña de axudas” para que pemes e autónomos “poidan facer fronte a suba de tipos de xuro” experimentada “especialmente no último ano”. O programa estará dotado de preto de 2 millóns de euros e, segundo resaltou, busca “garantir a viabilidade económica” dos proxectos en marcha nun momento onde “o encarecemento de acceso ao crédito é un problema cada vez mais importante” para o tecido produtivo.

Tal e como explicou, estas achegas van dirixidas as pequenas ou medianas empresas e autónomos que teñan un préstamo do Igape con xuro por riba do 0% variable e que estean ao corrente nos pagos.

Cómpre salientar que aínda que o Igape conta cunha ampla carteira de operacións de préstamo, moitos dos cales concedidos a tipos fixos moi baixos ou a tipo 0 %, outro son con xuros variables en función do euríbor ou do tipo de referencia establecido.

Na actual conxuntura, coa suba dos tipos de referencia, prodúcese un aumento moi significativo das cotas para pagar polos titulares destes préstamos a tipo de xuro variable. Así mesmo, nas novas operacións a tipo fixo, o tipo de referencia determinado no momento da concesión resulta moi elevado.

Rueda salientou que para aliviar esta situación marcada polo mercado financeiro, a nova liña de axuda “subvencionará ata 3,5 puntos nos tipos de xuro das operacións”. Unha porcentaxe que será aplicada sobre o capital vivo de cada unha das operacións de préstamo, en cada unha das liquidacións periódicas. Deste xeito, o programa favorece a viabilidade económica das empresas e facilita a capacidade de reembolso dos préstamos.

O presidente avanzou que todos aqueles interesados poderán solicitar a axuda ata o vindeiro 30 de novembro.

Outras actuacións

Esta liña complementa os programas de reavais e préstamos directos que desenvolve cada ano a Xunta de cara a facilitar o acceso ao crédito ao tecido empresarial galego. Neste sentido, e no marco da Axenda Financeira que está a desenvolver o Goberno galego, estanse a facilitar, un ano máis, operacións de investimento, circulante e garantías para pemes e autónomos galegos por importe de 60 millóns.

Así, ata o pasado 29 de setembro, artellouse un novo convenio de colaboración entre o Igape, as sociedades de garantía recíproca (SGR) e as entidades de crédito con modalidades de apoio consistentes na bonificación do tipo de xuro dos préstamos, na bonificación da comisión do aval, e no reaval do risco asumido polas SGR. E seguen en marcha, ata finais de ano, as liñas de préstamos directos para investimentos estratéxicos ou para infraestruturas de centros tecnolóxicos, as liñas para financiar a operativa da industria auxiliar naval ou os préstamos para o financiamento das empresas no actual contexto de incremento xeneralizado do custo das materias primas e da enerxía.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/10/2023