Medio milleiro de deportistas galegos reciben as axudas de alto nivel máis cuantiosas da historia cun total de 700.000 euros

As dúas categorías de axudas para preparación e participación nos Xogos Olímpicos e Paralímpicos de París 2024 (6.000 e 4.000 euros) chegan a deportistas como Adrián Ben (atletismo), Teresa Portela (piragüismo), Luis Fernández (piragüismo), Támara Echegoyen (vela), Martín de la Puente (tenis cadeira rodas), Susana Rodríguez Gacio (paratriatlon), Ana Peleteiro (atletismo), Belén Toimil (atletismo) ou Julia Benedetti (patinaxe)

Santiago, 11 de outubro de 2023

A Xunta de Galicia, a través Secretaría Xeral para o Deporte da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, vén de publicar a resolución do Padroado da Fundación Deporte Galego sobre a convocatoria de axudas a deportistas galegos e galegas de alto nivel ‘Axudas DGAN 2023’. Estas axudas, convocadas no Diario Oficial de Galicia do pasado 31 de maio e que contaban cun orzamento inicial de 500.000 euros, foron incrementadas ata preto dos 700.000 euros (680.940 euros), marcando un novo récord que supón un 12% máis que o exercicio de 2022, cando xa se había acadado o máximo histórico. En total, foron concedidas 445 axudas DGAN (un 17% máis que as 380 concedidas en 2022). Os deportistas formularon 608 solicitudes e foron admitidas inicialmente, 551.

Cómpre lembrar que, nesta edición 2023 vólvese a optar polo modelo dunha única convocatoria para axudar á preparación e participación dos deportistas nos Xogos Olímpicos e Paralímpicos de París 2024, así como ao resto de deportistas DGAN que tiveran o recoñecemento en vigor nalgún momento dos anos 2022 e 2023.

Neste sentido, as Axudas GALICIA-PARÍS 1, de 6.000 euros, beneficiaron a 25 deportistas galegos como Adrián Ben (atletismo), Enmanuel Reyes (boxeo), Teresa Portela (piragüismo), Luis Fernández (piragüismo), Miguel Alvariño (tiro con arco), Támara Echegoyen (vela), Jacobo Garrido (natación), Martín de la Puente (tenis cadeira rodas), Adiaratou Iglesias (atletismo) ou Susana Rodríguez Gacio (paratriatlon), entre outros. As Axudas GALICIA-PARÍS 2, de 4.000 euros chegou a 14 deportistas galegos como Ana Peleteiro (atletismo), Belén Toimil (atletismo), Julia Benedetti (patinaxe), Judith Rodríguez (esgrima adaptada) ou Sebastián Rodríguez (natación adaptada), entre outros. Ademais foi concedida unha Axuda DGAN Deportista de Apoio/Guía, que un ano máis é da mesma contía para os deportistas de apoio que a que reciben os deportistas con discapacidade aos que guían, para Luis Pinedo (atletismo adaptado) con 4.000 euros. 

Por outra banda e atendendo aos resultados de 2022 e 2023, as Axudas DGAN 2, de 6.000 euros, beneficiaron a 8 deportistas como Lucía Rodríguez (bádminton), Iván García (taekwondo), Ignacio Fernández (bádminton adaptado) ou Rodrigo Conde (remo). As Axudas DGAN 3, de 4.000 euros, chegaron a 23 deportistas como Carla Carrón (natación), Manuel Taibo (patinaxe) ou Damián Ramos (ciclismo adaptado). Outros 91 deportistas recibiron as Axudas DGAN 4, de 2.000 euros, como Irene Blanco (halterofilia), Nerea Pampín (loita), Jorge Casales (motociclismo) ou Guillermo Carracedo (surf). As Axudas DGAN 5, de 1.000 euros, foron para 54 deportistas galegos entre os que destacan Ainoha Reparaz (atletismo), David Mella (fútbol), Aalyah Louro (baile deportivo) ou Lucas Yáñez (patinaxe). Por último, 229 deportistas galegos acadaron as Axudas DGAN 6, de entre 250 a 1.000 euros, sendo algúns deles Natalia Castro (triatlon), Roberto Blach (automovilismo) ou Antonio Serrat (triatlon).

Reparto das axudas

Máis polo miúdo, as 445 Axudas DGAN 2023 conseguiron chegar a un total de 41 federacións deportivas galegas, o 70% do total. As dez primeiras federacións por importe recibido foron, nesta orde, Piragüismo, Deporte Adaptado, Judo, Taekwondo, Vela, Atletismo, Salvamento e Socorrismo, Orientación, Patinaxe e Remo.

Das 445 axudas concedidas, 264 (59%) foron para homes deportistas e 181 (41%) para mulleres deportistas. Un total de 223 son da provincia de Pontevedra, 158 da Coruña, 42 de Lugo e 22 de Ourense.

 Ata o luns 23 de outubro de 2023, poderanse realizar reclamacións na sede electrónica da Xunta de Galicia, no rexistro da Fundación Deporte Galego, ou en calquera rexistro oficial previsto no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Tamén no correo electrónico: fundaciondeportegalego.pr@xunta.gal.

 
Data de actualización: 11/10/2023