A Xunta executa actuacións de conservación e limpeza nos treitos interurbanos do río Tambre ao seu paso polos concellos de Frades e do Pino
As tarefas céntranse na roza puntual e selectiva e na retirada de árbores e pólas caídas para evitar atoamentos
Augas de Galicia continúa a traballar na mellora dos leitos fluviais para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos
Santiago de Compostela, 11 de outubro de 2023 A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, está a executar actuacións de conservación e limpeza no treito interurbano do río Tambre, ao seu paso polos concellos de Frades e do Pino.
Os traballos están a desenvolverse no treito interurbano do río no seu percorrido por distintos lugares destes dous municipios.
As tarefas céntranse na roza puntual e selectiva e na retirada de árbores e pólas caídas na canle para evitar atoamentos.
Unha vez finalizadas estas actuacións, o río quedará despexado de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.
Augas de Galicia desenvolve estas accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa, e nas súas zonas de acceso e protección.
Estas intervencións da Xunta contribúen á mellora dos leitos fluviais para acadar condicións naturais dos ecosistemas que favorezan os aspectos medioambientais e de uso social na contorna dos ríos.