Román Rodríguez, acompañado pola delegada da Xunta en Vigo, visita o resultado das obras levadas a cabo no centro e asiste á apertura do curso académico 2023/2024

O conselleiro de Educación augura un gran futuro ao Conservatorio Superior de Música de Vigo tras unha rehabilitación integral de 1,4 M€ e melloras académicas

Os traballos permiten iniciar o curso cunhas instalacións totalmente renovadas

Ademais, o centro oferta, por primeira vez na nosa Comunidade, un máster en ensinanzas artísticas que conta xa con 33 alumnos

O representante do Goberno galego refírese ao conservatorio como “un referente” cunha educación musical de calidade dirixida a formar aos profesionais do mañá

Vigo, 10 de outubro de 2023 O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, visitou esta tarde o Conservatorio Superior de Música de Vigo, onde comprobou o resultado das obras de rehabilitación integral levadas a cabo cun investimento de 1,4 M€. A continuación, asistiu á apertura do curso 2023/2024, onde augurou un gran futuro a este centro tras a reforma e as últimas melloras académicas.

No marco da súa visita, na que estivo acompañado pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, Román Rodríguez celebrou que as obras executadas polo Goberno galego nun dos dous conservatorios superiores de música de Galicia (o outro está na Coruña), vai permitir que o alumnado comece o curso cunhas instalacións totalmente renovadas e á altura dunha oferta académica “superior e de calidade dirixida a formar aos creadores e profesionais da música do mañá”. “O noso obxectivo é asegurar a mellor educación superior en materia musical para que os futuros licenciados sexan parte activa do noso tecido cultural no futuro”, engadiu o conselleiro. 

Neste senso, puxo en valor o papel do Conservatorio Superior de Música de Vigo, “un auténtico referente dentro do sector dos conservatorios” que, tal e como afirmou, “destaca pola súa oferta, pero tamén pola súa aposta decidida pola mobilidade, o que lle ten permitido acadar unha pegada internacional cada vez máis notoria”.

O edificio do conservatorio estrea unha intervención xeral con mellora da envolvente térmica e impermeabilización das fachadas, illamento das cubertas, substitución de carpintería exterior e revisión do saneamento. No edificio do auditorio revisouse o saneamento e acometéronse traballos de impermeabilización e illamento das cubertas.

Máster pioneiro en Galicia

No que atinxe ao académico, a Xunta incorpora este curso á oferta do Conservatorio Superior de Música de Vigo o primeiro máster en ensinanzas artísticas de Galicia, o Máster en Ensinanzas Artísticas en Creación, Interpretación e Investigación Musical. Conta cun total de 33 alumnos, unha gran acollida que o sitúa como unha das titulacións máis demandadas nesta categoría.

Con estas ensinanzas, o Goberno galego implanta por primeira vez na nosa Comunidade o nivel tres do Marco Español de Cualificacións para a Educación Superior (MECES 3) nas ensinanzas artísticas superiores, o mesmo dos másteres universitarios oficiais. Correspóndese co nivel 7 do Marco europeo de cualificacións.

O Conservatorio Superior de Música de Vigo conta este curso con 331 alumnos nas diferentes especialidades que imparte, en concreto as de Interpretación, Musicoloxía, Composición, Pedagoxía e Produción e Xestión; ademais do devandito máster e os matriculados nos traballos de fin de grao correspondentes.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/10/2023