A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, inaugurou hoxe en Ferrol a xornada ‘Vontade + Bondade’ da ASCM Galicia

A nova estratexia de acción voluntaria de Galicia fixa entre os seus retos seguir implicando a máis xente nova neste ámbito

Prevese que antes de que remate o ano estea xa presentada esta folla de ruta do voluntariado en Galicia ata 2027

Outros obxectivos da Estratexia son: adaptar a acción voluntaria á realidade actual, impulsar a formación, establecer novas canles de divulgación da labor do voluntariado e favorecer a participación inclusiva

Ferrol, 10 de outubro de 2023

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, destacou hoxe que “acompañar a quen máis o precise, tender a man e tecer redes” é no que se basea o papel das persoas voluntarias. Díxoo na inauguración da xornada sobre voluntariado ‘Vontade + Bondade’ organizada por ASCM Galicia no campus da universitario da cidade ferrolá, que foi clausurada pola delegada territorial da Xunta, Martina Aneiros.

Cristina Pichel felicitou a ASCM Galicia por este encontro que permite compartir experiencias, boas prácticas e coñecementos; e apuntou que un dos retos neste ámbito é seguir sumando á xente moza ás accións de voluntariado e ás entidades. Ao respecto, indicou que este é un obxectivo que se reflicte na nova Estratexia de Acción Voluntaria de Galicia que se prevé presentar antes de que finalice este mesmo ano.

A directora xeral explicou que a Estratexia é unha folla de ruta ata o ano 2027 que guiará as actuacións do Goberno galego e tamén ás dos diferentes axentes da acción voluntaria, os cales tamén participaron na elaboración do documento. Ademais, apuntou que esta planificación articúlase en cinco eixes: adaptar a acción voluntaria á realidade actual, impulsar a formación, fomentar a cooperación e o traballo en rede, establecer novas canles de divulgación que axuden a dar visibilidade ao labor das persoas voluntarias e favorecer a participación inclusiva do voluntariado.

Experiencias de voluntariado

O programa do encontro desta mañá contou coa participación de responsables das oficinas de voluntariado do Concello e do Campus de Ferrol. Así mesmo, contouse a experiencia do programa Pasaporte Solidario no colexio La Salle e outras iniciativas neste ámbito por parte da Asociación de Persoas Xordas de Ferrolterra (AXF), a Asociación Galega de Afectados por Transplantes Medulares e Enfermidades Oncohematolóxicas ou a propia ASCM.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/10/2023