A Xunta lembra que o concello da Coruña mantivo un total de 635 días bloqueado o avance do Novo CHUAC

As demoras acumuladas polo goberno municipal na tramitación dos convenios e na addenda necesaria para o desenvolvemento do novo Hospital público da Coruña determinaron a data de licitación dos accesos

A Xunta adxudicará neste outono os contratos dos accesos, da demolición do Hotel do Doente e da construción da Torre Polivalente, cun investimento de máis de 60 M€ xa mobilizados no Novo CHUAC

O Goberno galego avanza nesta actuación estratéxica coa recente aprobación polo Consello da Xunta do Plan de Interese Autonómico que permitirá materializar un investimento de 500 M€ para garantir a atención sanitaria a máis de 500.000 pacientes
 

Santiago de Compostela, 10 de outubro de 2023

A Xunta lembra que o Concello da Coruña mantivo un total de 635 días bloqueado o avance do Novo CHUAC. As demoras acumuladas polo Goberno local na tramitación dos convenios e da addenda necesaria para o desenvolvemento do novo Hospital público determinaron a data de licitación dos accesos.

Os días de retraso acumulados polo Concello da Coruña na xestión do convenio marco asinado coa Xunta para o impulso do novo hospital, do convenio específico asinado tamén coa Xunta para o financiamento dos accesos, e a addenda a este último documento, suman un total dun ano e sete meses.

 

No que se refire ao convenio marco, o Concello bloqueou a tramitación deste documento durante un total de 197 días. Así, a Xunta remitiulle en maio de 2020 a primeira proposta para establecer as bases do acordo sobre o novo complexo e ata o mes de novembro dese  mesmo ano non recibiu as achegas nin a documentación municipal que, sen embargo, tiña data do mes de maio. Por retrasos posteriores, o convenio non se puido asinar ata o mes de febreiro de 2021.

Esta falta de dilixencia estendeuse tamén ao convenio específico para o financiamento dos accesos ao Novo CHUAC, ámbito no que se contabilizan 438 días de retrasos imputables directamente ao Concello, xa que o proceso transcorreu desde o 31 de decembro de 2021 ata o 14 de marzo de 2023, data na que o municipio aceptou a xuntanza específica solicitada e a proposta autonómica.

De xeito máis concreto, o Goberno galego remitiu ao Concello en decembro de 2021 o borrador de convenio específico que desenvolvía o convenio marco, necesario para seguir avanzando no Novo CHUAC. Ao non haber resposta municipal, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade reiteroulle en marzo de 2022 a necesidade de contestación ao texto oficial e en xullo urxiulle unha reunión entre ambas as administracións, non tendo resposta.

Tras a xuntanza entre o presidente da Xunta e a alcaldesa da Coruña, o 4 de outubro de 2022, acordouse que a financiación da entidade local sería de 22 M€ en total, polo que se trasladou ao Concello un novo texto de convenio, solicitándose que se incorporaran as partidas orzamentarias correspondentes.

A consellería tivo que demandar ata en cinco ocasións ao Concello os documentos contables precisos para o convenio específico dos accesos, advertindo de que se trataba dun requisito imprescindible para iniciar a tramitación oficial.

 

En febreiro de 2023, revisada toda a documentación municipal enviada, advertiuse ao Concello de que introducira no texto de xeito unilateral unha modificación substancial que impedía a tramitación do convenio.

A Xunta pediu o 1 de marzo de 2023 unha xuntanza co tenente alcalde para abordar o convenio específico e non tivo lugar ata o 14 de marzo, cando o Concello aceptou a proposta autonómica de que o financiamento dos 22 M€ se destinara unicamente aos accesos, que pasarían a ser de titularidade municipal. A partir dese día, comezou a tramitación do expediente.

Aposta da Xunta pola sanidade pública

A pesar destas demoras na tramitación por parte do Concello da Coruña, a Xunta continúa avanzando no impulso do Novo CHUAC, unha actuación estratéxica e ambiciosa cun investimento autonómico de 500 M€ para garantir a atención sanitaria a máis de 500.000 pacientes.

O Consello da Xunta aprobou definitivamente a semana pasada o Proxecto de Interese Autonómico do Novo CHUAC, completando a tramitación do instrumento de ordenación urbanística do solo necesario para a construción do complexo, incluíndo as obras de urbanización e edificación, os accesos desde as vías de alta capacidade, o novo edificio hospitalario nas Xubias e o espazo para reubicar as vivendas afectadas.

O Goberno galego xa licitou en xullo a demolición do hotel de doentes e a construción da torre polivalente, así como a redacción do proxecto e execución de obra dos accesos, cun investimento xa mobilizado de máis de 60 M€. Estes contratos serán adxudicados neste outono.

Data de actualización: 10/10/2023