A Xunta apoia a Pretorian Race Sarria Extreme, na que se prevé a participación de máis de 700 deportistas o vindeiro domingo

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, participou na presentación desta carreira de obstáculos organizada pola asociación Pretoriano Club

Sarria (Lugo), 10 de outubro de 2023

A Xunta de Galicia apoia a Pretorian Race Sarria Xtreme, unha carreira de obstáculos que se celebrará en Sarria o vindeiro domingo, 15 de outubro. Está previsto que participen máis de 700 deportistas procedentes de Galicia, de diferentes lugares de España e doutros países como Portugal ou Andorra.

O delegado territorial da Administración autonómica, Javier Arias, estivo hoxe na presentación xunto con membros da asociación Pretoriano Club, organizadora do evento, e das demais entidades implicadas.

O percorrido será duns oito quilómetros e terá entre 32 e 35 obstáculos naturais - como gabias ou árbores – e artificiais, entre os que figuran rodas, muros ou estadas. A carreira partirá das inmediacións do campo de rugby de Sarria e transcorrerá por un tramo urbano da ruta Xacobea, A Ribela, varios camiños e fincas e regresará ao punto de inicio.  

A competición, que está enmarcada na Liga AOCO España, dividirase en quendas cun máximo de 100 persoas cada unha. As máis numerosas serán as populares, abertas a todo tipo de público. Tamén haberá unha categoría Élite para corredores de alto nivel que participan en campionatos dentro e fóra de España para puntuar en ligas nacionais, europeas e mundiais; e outra categoría Started para deportistas experimentados pero que non buscan puntuar.

Javier Arias subliñou o apoio da Xunta a este tipo de actividades que “fomentan o deporte e o traballo en equipo”. Ademais, esta cita “impulsará a economía da zona” e “constituirá un bo escaparate para dar a coñecer todos os recursos de Sarria”, xa que á elevada afluencia de xente prevista súmase o reflexo que terá en medios de comunicación e redes sociais.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/10/2023