O conselleiro do Medio Rural participou na apertura de Piñeiros 23, na Cidade da Cultura

A Xunta destaca a importancia de garantir, a partir de 2024, que unha porcentaxe das novas edificacións impulsadas polo goberno autonómico incorporen madeira na súa estrutura

José González resaltou a relevancia desta iniciativa do goberno autonómico, que contará cunha guía para axudar ás administracións públicas a incluír criterios e cláusulas medioambientais que fomenten o uso da madeira nos pregos de licitación

Incidiu na activación, en 2024, dun mercado voluntario de créditos de carbono, derivado da capacidade de absorción e almacenamento da actividade forestal galega

O conselleiro tamén valorou especialmente as futuras repercusións para o sector dos traballos destinados á mellora da xenética forestal, a través do Programa da rede de parcelas de alto valor xenético de Galicia, enmarcado no Plan Forestal

Santiago de Compostela, 10 de outubro de 2023 O conselleiro do Medio Rural, José González, xunto ao director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, e o director da Axencia Galega da Industria Forestal, Jacobo Aboal, participou hoxe na inauguración de Piñeiros 23, o III Encontro intersectorial do piñeiro de Galicia, organizado pola Fundación Arume e cofinanciado pola Axencia. Na inauguración, o conselleiro estivo tamén acompañado polo presidente da Fundación Arume, José Carballo, e polo presidente de Baskegur (asociación representativa do sector forestal-madeira vasco), Federico Saiz. Cómpre destacar que o evento, celebrado na Cidade da Cultura, contou cunha conferencia do prestixioso arquitecto David Chipperfield, fundador e presidente da Fundación RIA.

José González dividiu a súa intervención en “tres eidos fundamentais”: o monte, a industria e o produto final que, como indicou, refunden todo o traballo que se está a levar a cabo por parte da Xunta de Galicia a prol da industria forestal-madeira.

Destacou a aposta por impulsar a madeira como elemento estrutural na construción, con innovadoras medidas do Goberno autonómico como a que garantirá, a partir do 2024, que unha porcentaxe mínima -establecerase proximamente- das novas edificacións promovidas pola Xunta incorporarán madeira na súa estrutura.

E para avanzar neste obxectivo publicarase a “Guía para o fomento da madeira na contratación pública”, un documento que axudará ás administracións públicas a incluír criterios, cláusulas e exixencias medioambientais que fomenten o uso deste material nos pregos técnicos e administrativos. Nesta mesma vertente, tamén lembrou o investimento de 2,6 millóns para impulsar a demanda dos promotores privados -empresas e familias- na construción con madeira en usos estruturais, fomentando a entrada no mercado de novas solucións de construción máis sustentables.

Compromiso da Xunta co sector forestal, fundamental en Galicia

O conselleiro fixo fincapé no peso específico do sector forestal galego. Segundo lembrou, preto do 70 % da totalidade da xeografía galega ten consideración de terreo forestal e Galicia asume o 54 % das cortas realizadas anualmente en España. A cadea monte-industria, destacou, dá emprego a 25.000 persoas en Galicia, antes de definir como prioritaria a estratexia forestal do goberno autonómico. Este compromiso materialízase con estratexias como o Plan Forestal de Galicia “Cara á neutralidade carbónica” 2021-2040; unha ferramenta asociada a un investimento público-privado de 4.900 millóns de euros deica 2040 e que permite entroncar a silvicultura e a xestión forestal sostible cunha produción de madeira de calidade. Ademais, nela contémplanse os obxectivos da Axenda de impulso da industria forestal-madeira que prevé mobilizar preto de 140 millóns.

Neste sentido, fixo fincapé no Plan estratéxico da industria forestal-madeira, destinado a potenciar o aliñamento do Plan Forestal de Galicia coas necesidades do sector forestal galego, conectando recurso e produto. E remarcou as repercusións de investir máis de 23 millóns entre 2023 e 2024 para crear superficies forestais, desenvolver accións silvícolas en coníferas ou implementar instrumentos de ordenación e xestión forestal.

Pioneiro mercado voluntario de créditos de carbono

O conselleiro incidiu na súa intervención na activación en 2024 dun mercado voluntario de créditos de carbono.  Galicia, explicou, será a primeira comunidade autónoma en contar cun mercado que orixine este tipo de créditos apoiándose, segundo explicou hoxe, na capacidade de absorción e almacenamento de CO2 das actividades relativas aos usos da terra e das masas forestais do territorio galego, así como na promoción dos produtos forestais en substitución doutros cunha maior pegada de carbono.

Valorou a importancia dos traballos destinados á mellora da xenética forestal, a través do Programa da rede de parcelas de alto valor xenético de Galicia que se recolle no Plan Forestal. O seu obxectivo é mellorar de forma xenética as frondosas e coníferas -fundamentalmente o piñeiro- para garantir a dispoñibilidade deste material. Tamén no eido da innovación, resaltou unha liña de axudas por concepto da optimización de tecnoloxías forestais, procesamento, mobilización e comercialización de produtos no ámbito, cuxo montante foi ampliado ata superar os 14 millóns de euros. A maiores, falou doutros 2,6 millóns para a valorización e a segunda transformación da industria forestal e do contract entre 2023 e 2024, un 30 % máis que en anteriores convocatorias.

González afondou no valor de contar con información chave para o sector. Aí enmarcou o Inventario Forestal de Galicia, do que xa se presentaron os primeiros resultados e que facilita coñecer a dispoñibilidade real e potencial do recurso forestal. Algo que permitirá revalorizar a superficie de coníferas e frondosas para aumentar a súa rendibilidade. E todo, explicou, dentro dunha folla de ruta deseñada a través da planificación, recuperación e prevención, e que permitirán seguir impulsando a industria forestal-madeira de Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/10/2023