Galicia representará a España como país convidado na Porto Design Biennale, que se inaugura a vindeira semana

A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, participou hoxe en Santiago na presentación da programación preparada pola Xunta, en colaboración coa Fundación DIDAC, para a ocasión

A programación Galiza. Processos e formas inclúe, entre outras actividades, unha exposición de gran formato na que participan máis dun cento de profesionais e empresas referentes do deseño galego

Santiago de Compostela, 10 de outubro de 2023

A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, participou hoxe na presentación da programación que a Xunta, en colaboración coa Fundación DIDAC, ten preparada con motivo da Porto Design Biennale, na cal Galicia foi seleccionada para representar a España como país convidado.

A iniciativa, na que participan máis dun cento de profesionais e empresas referentes do deseño galego, leva por título Galiza. Processos e formas, e será inaugurada o vindeiro 19 de outubro na Galería Municipal de Matosinhos, onde permanecerá aberta ata o 3 de decembro.

Na presentación, Argerey agradeceu a honra que este fito representa para Galicia como recoñecemento ao traballo de impulso ao deseño que a Xunta está realizando a través de iniciativas como o Programa de Deseño para a Innovación e a Sustentabilidade 2024-Diferenza.

Ademais da directora da Axencia Galega de Innovación, tamén participou a directora da Porto Design Biennale, Magda Seifert; o presidente da Câmara Municipal do Porto, Rui Moreira; o vicepresidente da Câmara Municipal de Matosinhos, Fernando Rocha; o presidente do Turismo Porto e Norte de Portugal, Luis Pedro Martins; e o comisario do país convidado, David Barro. Asistiron tamén a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; a xerente da Fundación Pública Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro; o presidente da Asociación Galega de Deseño (DAG), Xosé García.

A auga como tema central

Galicia colle así o relevo de Italia e Francia, países convidados das edicións 2019 e 2021, no que é o maior evento bienal de deseño da península ibérica, que este ano ten a auga como tema central. Este fito permitirá reforzar a difusión e promoción do deseño galego a nivel internacional e tamén as sinerxías creativas co norte de Portugal, dada a relevancia que a Porto Design Biennale alcanzou nas súas dúas primeiras edicións nas que Galicia xa colaborou.

 

No acto de apertura da mostra, o xoves día 19, será presentado tamén un ensaio de David Barro sobre a historia do deseño en Galicia que está coeditado pola Porto Desing Biennale e Experimenta Magazine e que terá unha versión dixital gratuíta en galego, accesible na web da Axencia Galega de Innovación. Máis adiante, será presentado un catálogo en portugués e inglés no que se fai un percorrido pola exposición.

O venres 20 de outubro terá lugar unha xornada organizada en colaboración coa Fundación Artesanía de Galicia. Incluirá un taller con Isaac Piñeiro, gañador na categoría de profesionais do deseño nos Premios Galicia de Innovación e Deseño 2022, e a artesá Idoia Cuesta, ademais de dúas charlas impartidas por estes e a ceramista Verónica Moar.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/10/2023