O conselleiro do Mar participou na inauguración da conferencia EurOcean 2023 en Vigo

Alfonso Villares destaca que Galicia está xa na vangarda da ciencia e a tecnoloxía mariñas do futuro

O titular de Mar puxo en valor o traballo realizado dende a Consellería para garantir a sustentabilidade da actividade pesqueira a través do mellor asesoramento científico

Este evento, que se celebra cada 4 ou 5 anos, está organizado polo EMB coa colaboración do Cetmar e o Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC) e a Comisión Europea no marco da presidencia española do Consello da Unión Europea.

Vigo, 10 de outubro de 2023

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, participou hoxe en Vigo na inauguración da conferencia EurOcean onde destacou a importancia dos avances da política científica mariña como ferramenta imprescindible para garantir a sustentabilidade da actividade pesqueira. Nunha cita na que se reúnen representantes da comunidade científica e responsables políticos europeos no ámbito mariño co obxectivo de resaltar as sinerxías entre ciencia e mar, o representante autonómico puxo como exemplo as políticas desenvolvidas pola Xunta de Galicia para acadar este obxectivo.

Nese sentido, destacou a cita como escaparate das capacidades en materia de ciencia e tecnoloxía mariña, poñendo en valor o traballo que se desenvolve nas tres universidades galegas, no CSIC, o IEO así como en centros de investigación ligados á Consellería do Mar, como son o Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar, o Centro de Investigación Mariñas (CIMA) ou o Instituto Tecnolóxico do Mar.

Alfonso Villares resaltou que é neste tipo de foros nos que se da forma ás políticas de investigación mariña do futuro necesarias para manter un océano saudable e produtivo, polo que sinalou a Galicia como plataforma de conexión para orixinar máis oportunidades de colaboración e construír novos movementos asociativos que permitan novos proxectos de investigación que beneficien tanto a Galicia como a Europa.

Un marco de colaboración onde destacan iniciativas pioneiras como a Rede entre o sector pesqueiro e organismos científicos de Galicia (Redemar), que acaba de cumprir un ano poñendo toda a capacidade investigadora galega ao servizo das necesidades reais e a traballar na resolución dos problemas dos profesionais da pesca, do marisqueo e os cultivos mariños da comunidade galega. 

O conselleiro do Mar apostou no seu discurso por continuar a travesía dentro dos límites que marca o rigor científico e que están a garantir a sustentabilidade ambiental e socioeconómica da actividade marítimo-pesqueira de Galicia. Aproveitou este foro tamén para destacar outra iniciativa da Xunta, o recentemente aprobado Plan da Cultura Marítima de Galicia Horizonte 2030, que aspira a poñer en valor o patrimonio arredor das vilas costeiras galegas e a promover a actividade e a economía nas mesmas e que sexan así focos que fixen e mesmo gañen poboación.

Un  obxectivo da Administración galega que se suma á intención de que en EuroOcean 2023 se unan esforzos para aliñar o discurso dirixido a conseguir que o océano que conserve a súa diversidade, sosteña os seus ecosistemas, contribúa a ser máis resilientes fronte aos efectos do cambio climático, e que continúe a ser produtivo como fonte de recursos e dunha alimentación saudable.

Declaración de Vigo

A conferencia EuroOcean2023, que ten lugar cada 4 ou 5 anos, constará de dúas xornadas e celébrase no marco da presidencia española do Consello da UE. Está organizada pola European Marine Board (EMB), que representa a máis de 10.000 científicos e persoal técnico en Europa, en colaboración co Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar, o IIM-CSIC, o IEO e a Comisión Europea.

Ao final da conferencia adoptarase a Declaración de Vigo, que baixo o título Traballamos cunha soa voz para conseguir o océano que queremos, defende que a ciencia mariña e as comunidades marítimas vaian unidas á hora de tomar decisións sobre o seu futuro.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 10/10/2023