A Xunta porá en marcha 10 obradoiros na área de Santiago cun investimento de 5 M€ para mellorar as oportunidades laborais de 188 persoas sen emprego

As oficinas de emprego iniciarán a selección de participantes dos sete obradoiros duais, entre os cales terán prioridade emigrantes retornados, mulleres, vítimas da violencia de xénero, parados de longa duración ou persoas con discapacidade, entre outros colectivos

Os tres talleres de formación para menores de 30 anos están iniciando as clases estes días

Desde 2009 preto de 19.500 persoas participaron nestas accións que supoñen a mellora da súa empregabilidade

Santiago de Compostela, 10 de outubro de 2023

O delegado da Xunta, Gonzalo Trenor, participou na inauguración do obradoiro de emprego, para menores de 30 anos, Appventures, que formará a 16 persas sen emprego durante 12 meses, en desenvolvemento de aplicacións con tecnoloxías web e desenvolvemento de produtos audiovisuais multimedia interactivos grazas a un investimento da Xunta de máis de 424.000 de euros.

Trenor informou que o Goberno galego porá en marcha este ano un total de 10 obradoiros de emprego na área de Santiago, cun investimento total de máis de 5 millóns de euros, nos concellos de Rois, Santiago de Compostela, Val do Dubra, de emprego mozo; e en A Baña, Padrón, Mancomunidade de Ordes, Ordes, Santiago de Compostela Trazo e Ames duais. Estas accións van dirixidas a mellorar as oportunidades laborais de 188 persoas desempregadas. A provincia da Coruña acollerá en total 26 obradoiros

A actual convocatoria 2023-2024 permitiralles aos concellos, mancomunidades e organizacións sen ánimo de lucro do sector forestal realizar estas accións. Logo da resolución dos sete obradoiros duais iniciaranse de inmediato os procesos de selección dos participantes a través das oficinas de emprego. Os tres talleres de emprego mozo xa están a iniciar as clases estes días.

Terán preferencia as persoas que solicitaran este servizo a través da súa demanda de emprego, en especial aquelas con especial dificultade para acceder ao mercado de traballo: emigrantes retornados, mulleres, vítimas de violencia de xénero, persoas que esgotaron as prestacións, parados de longa duración, maiores de 45, persoas con discapacidade ou en risco de exclusión, etc

Os alumnos e alumnas recibirán formación e disporán dun contrato de traballo e percibirán remuneración durante a súa participación nesta actividade, que se estende durante 12 meses. A Xunta subvenciona o 100 % do salario mínimo interprofesional (1.080 euros este ano), así como a totalidade das cotas por cada un dos participantes.

A posta en marcha destes proxectos contribúe ademais á contratación, por parte das entidades promotoras, do persoal directivo do obradoiro, docente e administrativo de apoio necesario para levalos a cabo.

Os obradoiros emprego son programas públicos de emprego e formación que teñen por finalidade mellorar a ocupabilidade das persoas desempregadas, mediante a realización de obras ou a prestación de servizos de interese xeral e social.

Os beneficiarios poden realizar un traballo efectivo que favorece a súa inserción no mercado de traballo. Na selección de especialidades teñen prioridade as que garanten unha maior expectativa laboral nas contornas, por exemplo, relacionadas coas tecnoloxías da información (TIC) ou coa economía dixital.

Trenor destacou que “os obradoiros de emprego permiten dotar a nosa poboación activa de formación de calidade ao tempo que desenvolven un traballo produtivo de utilidade pública ou interese social, coa posibilidade de acreditalo a través dos certificados de profesionalidade”. “O obxectivo – incidiu - é seguir mellorando o emprego nos concellos galegos, especialmente nos do rural, adaptando a oferta formativa ás súas demandas e necesidades de contratación”.

Desde o ano 2009, a Xunta de Galicia promoveu un total de 924 obradoiros de emprego, que mobilizaron máis de 461 millóns de euros. Case 19.500 persoas participaron nestas accións que materializan a colaboración entre a Administración autonómica e local e permiten atender, por outra banda, as necesidades de man de obra do mercado

Data de actualización: 10/10/2023