O Sergas publica a relación definitiva das listas de selección temporal das clases de persoal funcionario sanitario

Resultaron admitidos/as 2.447 aspirantes dun total de 2.499 inscricións

Nestas listas increméntase un 10,40% o número de inscricións en relación ás listas anteriores

A clase con maior número de admitidos é a de licenciado/a sanitario/a

Santiago de Compostela, 10 de outubro de 2023

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica, na súa edición de hoxe, a resolución coa relación definitiva de aspirantes admitidos/as e excluídos/as, xunto coa baremación e puntuación obtidas polos aspirantes, no proceso de actualización de listas de selección temporal para cubrir postos de carácter temporal de persoal funcionario sanitario da escala de saúde pública e administración sanitaria (Lei 17/1989, do 23 de outubro).

A través destas listas, o Servizo Galego de Saúde selecciona persoal funcionario de diversos corpos de inspección inspector/a médico/a, inspector/a farmacéutico/a, farmacéutico/a inspector/a de saúde pública, subinspector/a sanitario/a e outros funcionarios das clases de licenciado/a sanitario/a (na que se inclúen licenciados/as en Medicina e Cirurxía, en Farmacia, en Ciencias Químicas, en Ciencias Biolóxicas e en Psicoloxía), e de ATS/DUE.

O total de aspirantes admitidos por clases foron: 118 en inspector/a médico/a, 436 en inspector/a farmacéutico/a, 433 en farmacéutico/a inspector/a de saúde pública, 867 en lista xeral de licenciado/a sanitario/a, 222 en subinspector/a sanitario/a e 371 en ATS/DUE.

Nestas listaxes increméntase un 10,40% o número de inscricións en relación ás listas anteriores, en concreto o incremento de aspirantes é de 10 en inspector/a médico/a, 44 en inspector/a farmacéutico/a, 55 en farmacéutico/a inspector/a de saúde pública, 90 en lista xeral de licenciado/a sanitario/a, 20 en subinspector/a sanitario/a e 41 en clase de ATS/DUE.

As listas atópanse publicadas, á disposición das persoas interesadas, na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es), no apartado Emprego Público-Listaxes de contratación de persoal funcionario sanitario (Lei 17/1989, do 23 de outubro). Ademais, o estado de cada solicitude pode ser consultado polo/a aspirante no seu expediente electrónico persoal en Fides/expedient-e/sección de procesos.

Por último, sinalar que entrarán en vigor a efectos de chamamentos o día 11 de outubro.

Data de actualización: 10/10/2023