A Xunta inviste en Lugo preto de 12 M€ en 273 accións formativas para traballadores desempregados

O delegado territorial, Javier Arias, explica que se prevé que participen máis de 4.000 persoas nos cursos, impartidos por entidades ou centros de formación acreditados

O Goberno galego consignará 9,3M€ de orzamento para axudas ao desprazamento, manutención, aloxamento e conciliación que faciliten a participación de colectivos prioritarios

Lugo, 9 de outubro de 2023

A Xunta de Galicia investirá en Lugo 11.883.000 euros no desenvolvemento de 273 accións formativas dirixidas preferentemente a traballadores desempregados. O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explicou que se prevé que sumen máis de 4.000 beneficiarios.

O obxectivo, segundo explicou Arias, é mellorar a empregabilidade dos participantes mediante a súa cualificación para o desempeño de especialidades con demanda no mercado de traballo. A experiencia indica que 7 de cada 10 persoas que participan nestes cursos conseguen unha efectiva inserción laboral.

As axudas diríxense na provincia a 14 entidades debidamente acreditadas para impartir formación profesional para o emprego. Entre elas, figuran os concellos de Burela, Xove e O Valadouro; entidades sociais como a Cruz Vermella e a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami); ou asociacións empresariais como a de Transporte de Mercancías por Carretera (Apetamcor), Calefactores y Fontaneros (Alufonca), Reparación e Venda de Automóbiles e Recambios (Aprevar), a Fundación Laboral da Construción e a Asociación galega de cooperativas agrarias.

A Xunta segue a apostar pola formación flexible e adaptada ás necesidades do alumnado, nas modalidades presencial, a distancia ou mixta. As persoas beneficiarias das accións son desempregadas, afectadas por ERTE, por suspensión de contrato ou con redución de xornada, así como galegas e galegos con discapacidade física, psíquica ou sensorial. Poden tomar parte -cun tope do 30 % de participación- traballadores en activo, sempre que as prazas non se cubran con desempregados.

Favorécese tamén a participación de colectivos prioritarios como mulleres, vítimas de violencia de xénero, menores de 30 anos, desempregados de longa duración e emigrantes retornados.

Os alumnos e alumnas que o desexen, poderán acceder a estes cursos a través das oficinas de emprego de Galicia; na páxina web: https://emprego.xunta.gal ou mediante solicitude directa ás entidades de formación.

Bolsas de asistencia

O Consello da Xunta vén de autorizar unha nova convocatoria de bolsas de apoio para facilitar a participación de persoas desempregadas nos cursos para o emprego que está a impulsar para o período 2023/2024. O orzamento do programa medra nun 9,3 % con respecto á convocatoria anterior, ata chegar aos máis de 9,3 millóns de euros. Son 800.000 euros máis, destinados a financiar os gastos de desprazamento, manutención, aloxamento e conciliación.

O Goberno galego concederá as bolsas de asistencia a colectivos prioritarios que presentan especiais dificultades para a súa inserción laboral. Así outorgará achegas de 9 euros por día de clase ao alumnado con polo menos o 33 % de discapacidade; a integrantes de familias numerosas ou de carácter monoparental e ás persoas que participen nun itinerario personalizado de inserción. Estas bolsas ascenderán a 10 euros por día para as vítimas da violencia de xénero que tomen parte nas accións (inclúense as vítimas de violencia vicaria ou dixital).

O Goberno galego quere apoiar tamén a asistencia de persoas que teñan ao seu coidado fillas ou fillos, menores de 12 anos en acollida e/ou familiares con dependencia ata o segundo grado, ás cales lles outorgará unha contía igual ao 75 % do indicador público  de renda de efectos múltiples (IPREM) diario que estea vixente, para facilitar a súa conciliación.

Como novidade nesta convocatoria, auméntase ata os 20 euros a contía máxima diaria de axuda de transporte en vehículo propio con respecto aos 15 euros da anterior edición (0,19 € quilómetro/día), e igual ca en anteriores ocasións, concederanse achegas para o uso do transporte público urbano ou interurbano (1,5 €/día) e de manutención (12 €/día), se a distancia do domicilio supera os 20 quilómetros; e para aloxamento e manutención de ata 50 euros por día, tanto para domicilios que disten 100 quilómetros ou máis ou nos cales se careza de servizo de transporte que permita o traslado diario.

Data de actualización: 09/10/2023