Comesaña resalta que Galicia é un referente ao contar co calendario de inmunización para toda a vida máis completo de España

O conselleiro de Sanidade inaugura a XXIV Xornada central de formación en vacinas

Galicia incorporou en 2023 a vacina para adultos do herpes zóster e o anticorpo contra o virus respiratorio sincitial e as vacinas do rotavirus e a tretavalente da meningocócica na poboación infantil
 

Santiago de Compostela, 7 de outubro de 2023

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, inaugurou a XXIV Xornada central de formación en vacinas na que se actualizan anualmente as novidades en canto á inmunización para a prevención de enfermidades transmisibles.

Na súa intervención, acompañado pola directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, o conselleiro lembrou as últimas incorporacións ao calendario galego de inmunización ao longo de toda a vida e que sitúan a Galicia como referencia nacional. “O calendario de vacinación para toda a vida pasou a denominarse calendario de inmunización ao longo de toda a vida trala incorporación de novos produtos como os anticorpos monoclonais para a prevención do virus respiratorio sincitial en bebés”, sinalou Comesaña ao facer mención ao recente inicio da inmunización fronte ao VRS de todos os nenos e nenas nacidos en hospitais galegos.

A xornada desenvólvese en tres mesas dedicadas á vacinación en idade adulta, inmunización infantil e ao calendario completo, respectivamente, e contan con especialistas en saúde pública, epidemioloxía, medicina preventiva e pediatría.

Previamente, as técnicas da dirección xeral de Saúde Pública desenvolveron xornadas a nivel territorial nas catro provincias. Por iso, o conselleiro de Sanidade agradeceu o esforzo do persoal de Saúde Pública na organización destas formacións coincidindo coas campañas de vacinación de gripe e covid e de inmunización do VRS que están en marcha.

Desta forma, profesionais da sanidade galega fórmanse nas novidades dun calendario de inmunización que en 2023 engadiu o anticorpo contra o virus respiratorio sincitial, a vacina do rotavirus e a vacina tretavalente da meningocócica na poboación infantil, ademais da vacina do herpes zóster en adultos. Isto redunda na aposta da Xunta pola prevención a través da vacinación coa que foi pioneira ao incluír tamén o ano pasado a extensión da vacina contra a meninxite B a todos os bebés de dous meses, a incorporación dos nenos varóns á vacinación fronte ao virus do papiloma humano e a xeneralización da vacina antigripal infantil.

Alta participación na campaña de vacinación de gripe e covid

A falta dunha semana para rematar a vacinación fronte á gripe e a covid en residencias de persoas maiores e con discapacidade, Galicia leva vacinado preto de 20.000 persoas e está próxima a acadar o obxectivo de 24.000 neste segmento da poboación diana.

A partir do luns 16 de outubro, as persoas maiores de 80 anos vacinaranse nos seus centros de saúde de referencia ou ben no seu domicilio no caso de ter problemas de mobilidade. Para maior facilidade, tamén se lles permitirá recibir a vacina nos centros de vacinación masiva que abrirán ao longo deste mes de outubro. No que respecta á gripe, o día 16 dará comezo tamén a vacinación infantil.

No que respecta á inmunización fronte ao virus respiratorio sincitial, a aceptación por parte dos proxenitores é maioritaria e, no caso dos recentemente nados nos hospitais galegos durante a campaña, a cobertura é do 98%. En canto aos bebés nacidos desde o 1 de abril de 2023, Saúde Pública está a citar ao longo desta semana e a próxima a través de SMS e son xa 1.700 nenas e nenos inmunizados. No caso da poboación infantil de risco, o chamamento está case finalizado cun 92% de asistencia do total de citados. Así, son máis de 2.500 bebés inmunizados en Galicia segundo o último dato deste venres 5 de outubro.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/10/2023