Preto de 10.000 persoas maiores de 75 anos incorporáronse ao uso de internet en Galicia en só un ano

Entre 2021 e 2022 rexistrouse un incremento de internautas deste tramo de idade superior ao 15%, o máis elevado nese período de tempo

Ademais, seis de cada dez persoas de 65 a 74 anos usan internet en Galicia

A mensaxería instantánea é empregada por preto do 94% dos internautas de entre 65 a 74 anos e por máis dun 89% dos maiores de 74 anos

Máis do 45% das persoas maiores de 65 anos que utilizan internet fan xestións online coas administracións públicas

Catro de cada dez galegos de 65 a 74 que emprega internet concerta citas médicas online

Crece un 20% a porcentaxe de persoas de máis de 74 que compra online
 

Santiago de Compostela, 7 de outubro de 2023

Preto de 10.000 persoas maiores de 75 anos incorporáronse ao uso de internet entre 2021 e 2022, o que supón un incremento superior ao 15%, o maior do conxunto da sociedade galega nese período. Este crecemento reflíctese tamén nos máis de 5.400 fogares con residentes maiores de 74 anos, que contrataron internet no último ano. Crece tamén a porcentaxe de internautas de entre 65 e 74 anos, que roza o 60%.

Son parte das conclusións do estudo Seniors Dixitais. Edición 2022 elaborado polo Observatorio da Sociedade da Información en Galicia (Osimga) -adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica- que reflicten a progresiva redución da fenda dixital que está a rexistrar Galicia naqueles tramos de idade nos que era máis acusada.

Cun 26% de persoas maiores de 65 anos e cunha media de idade de 48 anos fronte aos 44 de España e os 44,4 anos da UE, a Administración autonómica galega leva desenvolvendo medidas específicas nas súas tres estratexias dixitais para fomentar unha sociedade dixital inclusiva. O Plan DigiTalent e a capacitación dixital da Rede de aulas públicas CeMIT teñen contribuído a esta incorporación das persoas maiores á tecnoloxía.

Uso de dispositivos

O estudo sinala que o 87,3% das persoas de 65 a 74 anos usan o teléfono móbil, unha porcentaxe que no tramo de idade de máis de 74 anos sitúase no 55,3%. O uso doutros dispositivos como a tablet ou ordenador sitúase no 34% para persoas de entre 65 e 74 anos e nun 12,6% entre as persoas de máis de 74 anos. Sen embargo, estas porcentaxes ascenden a preto do 50% nas persoas de entre 65 e 74 anos que viven en concellos de máis de 50.000 habitantes, e a preto dun 74% se teñen estudos superiores. No caso das persoas de máis de 74 anos as porcentaxes superan o 21% se viven en concellos de máis de 50.000 habitantes e acadan o 48% se teñen estudos superiores.

Tendencias dixitais

A mensaxería instantánea é empregada por un 93,7% dos internautas de entre 65 a 74 anos e por un  89,4% no caso do maiores de 74 anos, cuns niveis de uso moi similares aos dos internautas de 16 a 64 anos, que están no 97,7%.

Catro de cada dez galegos de 65 a 74 que emprega internet concerta citas médicas online, ben a través dunha páxina web ou dunha aplicación móbil, e buscan información sobre temas de saúde. Nos maiores de 74 anos, ambas actividades superan o 30%.

O 47,2% dos internautas maiores de 74 anos utilizou Internet para realizar xestións coas administracións públicas, mentres que no tramo deidade dos 65 a os 74 anos a porcentaxe elévase ao o 56,4%. Na maioría dos casos fixérono para realizar xestións sanitarias, buscar información e enviar formularios cumprimentados.

A banca electrónica é empregada polo 52,9% dos internautas galegos de 65 a 74 anos e o 36,9% dos maiores de 74 anos. No uso da banca electrónica aínda se detecta unha gran fenda dixital entre homes e mulleres, concretamente entre os maiores de 74 anos, con máis de 20 puntos de diferenza a favor dos homes, .

A compras por internet increméntanse entre as persoas maiores, destacando o crecemento dun 20% entre os compradores maiores de 74 anos, que representan o 13,8% do total, mentres que as persoas de entre 65 e 74 anos que mercan online son o 17,5%.

Os resultados detallados do informe Seniors Dixitais. Edición 2022 poden ser consultados en OSIMGA.GAL.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/10/2023