A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda visitou un inmoble en Santiago de Compostela

A Xunta recibe máis dun cento de solicitudes de axudas para a adquisición de vivendas en centros históricos e vivendas protexidas

Ángeles Vázquez lembra que ambas iniciativas están recollidas no Pacto social pola vivenda 2021-2025, que ten como obxectivo orientar as liñas estratéxicas a seguir en Galicia no eido das políticas residenciais.

Santiago de Compostela, 7 de outubro de 2023

A Xunta recibiu un total de 103 solicitudes de axudas para a adquisición de vivendas en centros históricos e vivendas protexidas, segundo avanzou hoxe a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, durante unha visita a un inmoble adquirido ao abeiro destas subvencións.

Logo de aclarar que o prazo de presentación de solicitudes rematou o pasado luns, 2 de outubro, a vicepresidenta segunda detallou que o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) recibiu 56 peticións de axudas para a compra en centros históricos e 47 para a adquisición de vivendas protexidas. O orzamento dispoñible para estas dúas ordes de axudas é de 1,3 millóns de euros.

No caso do programa de adquisición de vivendas en centros históricos, as axudas son, con carácter xeral, de 10.800 euros, pero a contía pode incrementarse ata os 12.800 euros por vivenda se o solicitante é menor de 35 anos, e ata os 15.000 euros no caso de que o inmoble se localice nalgunha das 7 Áreas Rexurbe declaradas na actualidade en Galicia -A Coruña, Mondoñedo, Ribadavia, Tui, Ribadeo, Ferrol e Betanzos-.

Ángeles Vázquez salientou que se trata dunha medida totalmente consolidada en Galicia. De feito, entre 2019 e 2022, a Xunta concedeu 156 axudas ao abeiro desta iniciativa que ten como obxectivos promover a recuperación do patrimonio construído, poñer en valor os centros históricos e facilitar o acceso das familias a unha vivenda.

Adquisición de vivendas protexidas

No que atinxe ás axudas para a adquisición de vivendas protexidas, a conselleira lembrou que os beneficiarios reciben unha axuda que non pode superar o 20% do prezo de adquisición do inmoble. A contía máxima é de 20.000 euros no caso de solicitantes menores de 35 anos e que compren a súa vivenda nas cidades de Santiago, A Coruña, Vigo, Ourense e Pontevedra. Para o resto de supostos, a contía é variable e depende da área xeográfica na que estea localizado o inmoble e tamén da idade do comprador ou compradores.

Para concluír, a conselleira lembrou que ambas iniciativas están recollidas no Pacto social pola vivenda 2021-2025, que ten como obxectivo orientar as liñas estratéxicas a seguir en Galicia no eido das políticas residenciais.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/10/2023