Trenor supervisa o funcionamento do novo equipo de radioloxía neurovascular do CHUAC xa realizou 150 exploracións nos primeiros tres meses

O procedemento máis habitual que se realiza nesta sala é o tratamento dos accidentes cerebrovasculares, coa conseguinte implicación no Código Ictus

Esta adquisición súmase á doutro equipo de radioloxía vascular intervencionista e o seu valor conxunto supera os 2 millóns de euros

Neste proceso de renovación tecnolóxica, dotouse ao HUAC con 9 equipos por valor de máis de 8 millóns de euros

A Coruña, 6 de outubro de 2023

O delegado da Xunta, Gonzalo Trenor, supervisou, esta mañá, o funcionamento do novo equipo de radioloxía neurovascular. O Complexo Hospitalario Universitario da Coruña xa conta con dúas novas salas de Radioloxía Intervencionista, unha vascular e outra neurolóxica, adquiridas pola Xunta por máis de dous millóns de euros, facendo uso dos fondos europeos Next Generation. Con estas adquisicións, optimízase a tecnoloxía que prestaba servizo no centro hospitalario.

O delegado da Xunta visitou o centro sanitario para coñecer, de primeira man, o número de asistencias que fixeron estes equipos. Acompañouno o xerente da área sanitaria, Luis Verde Remeseiro, e o xefe de servizo de Radiodiagnóstico, José Manuel Castro Pérez.

A nova sala de radioloxía vascular intervencionista comezou a funcionar a finais do pasado ano, permitindo a realización de mais de 2.500 procedementos radiolóxicos. As embolizacións vasculares ou as actuacións en vías biliares son algúns dos procedementos que se realizan nesta sala de Radioloxía Vascular Intervencionista.

Pola súa banda, a nova sala de neurorradioloxía, en funcionamento dende o pasado mes de xullo, leva realizadas preto de 150 exploracións neurorradiolóxicas. O tipo de exploración/procedemento máis habitual que se realiza nesta sala é o tratamento dos accidentes cerebrovasculares, así como a súa implicación no código ictus.

A instalación destas dúas salas de Radioloxía Intervencionista forma parte dun investimento de máis de oito millóns de euros na renovación de equipos de alta tecnoloxía do CHUAC. En concreto, neste proceso de renovación tecnolóxica, o Hospital Universitario da Coruña dotouse con nove novos equipos, entre os que se atopan, xunto coas salas de radioloxía intervencionista, 1 resonancia, 4 equipos TAC -incluído un con tecnoloxía espectral-, e 2 salas novas de hemodinámica.

Fondos europeos para renovación de tecnoloxía sanitaria

Estes investimentos englóbanse nos que está a tramitar o Goberno galego, por un valor de máis de 67 millóns de euros, destinados a canalizar os fondos europeos Next Generation, de cara á renovación do equipamento hospitalario. Suman un total de 76 novos equipos, dotados da mellor tecnoloxía sanitaria e que se porán ao alcance tanto dos profesionais do Sergas como dos pacientes da sanidade pública.

O Goberno galego tomou a decisión de complementar os fondos europeos con outros do seu propio orzamento para adquirir equipos de gamas superiores aos financiados, algo que xa sucedeu nos contratos de TAC (para incorporar TAC de tecnoloxía espectral) ou nas resonancias magnéticas.

Novo Chuac

Durante a visita Trenor lembrou que están activadas as 3 primeiras obras do Novo CHUAC, por importe de máis de 60 M€, que se adxudicarán neste outono para empezar a executar xa o primeiro dos edificios, a Torre Polivalente.

E referiuse tamén a addenda ao convenio que se aprobou onte no Concello da Coruña, “algo que xa estaba previsto e é consecuencia directa do retraso por parte do Goberno local de asumir os seus compromisos co financiamento dos accesos do Novo CHUAC”

O representante do Goberno autonómico destacou que a addenda adapta os prazos das achegas económicas que ten que realizar o Concello ao estado de tramitación dos accesos, que a Xunta tivo que retrasar uns meses sobre o inicialmente previsto polo rexeitamento inicial do Concello a tramitar o convenio. Neste senso, subliñou que despois de que o Concello bloquease durante meses o convenio tivo que ser a Xunta a que colocase enriba da mesa unha solución que permitiu desbloquear o acordo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/10/2023