A Regata da Muller sitúa Galicia como potencia da vela feminina e convértese no Campionato de España Feminino por autonomías co apoio da Xunta

A proba, nacida en 2021, ten a súa orixe na adquisición de dous barcos Elliot de 6 metros que a Xunta de Galicia realizou da man da Federación Galega en 2009 e que axudaron a conseguir o ouro de Sofía Toro e Támara Echegoyen en Londres

Lete Lasa augura novos éxitos á vela galega e desexa que Nico Rodríguez poida optar a París 2024, onde asegura que Támara Echegoyen estará loitando por medalla

Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 6 de outubro de 2023 O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, presentou hoxe na sede da Real Federación Galega de Vela a final da terceira edición da ‘Regata da Muller’, que terá lugar na Ría de Arousa esta fin de semana. O mandatario galego destacou que a Regata da Muller supón unha nova “aposta decidida polo deporte feminino que tanto éxito lle ten dado a Galicia”. Unha proba, dixo, na que non só as deportistas serán mulleres, senón tamén técnicas, oficiais, xuízas e todo o persoal encargado da coordinación e a dirección da proba. Esta aposta pola vela feminina, tradúcese nun aumento das licenzas federativas das mulleres que incremento nunhas 200 nos últimos anos e que fai que a Real Federación Galega de Vela conte xa con máis de medio milleiro de licenzas femininas, unha de cada catro do total.

Lete Lasa lembrou que esta proba ten a súa orixe, curiosamente, noutra aposta polo deporte feminino realizada en 2009. Naquel ano, a Xunta de Galicia da man da Federación Galega de Vela adquiriu dous barcos Elliot de 6 metros tras a decisión da Federación Internacional de Vela de que estes barcos entraran no programa olímpico de Londres 2012 na clase Match Race Feminina. Galicia foi a única comunidade de toda España que adquiriu en propiedade este tipo de barcos e os resultados non tardaron en chegar. Támara Echegoyen e Sofía Toro, xunto á xixonesa Ángela Pumariega conseguiron a praza para os Xogos de Londres e unha vez alí fixéronse coa medalla de ouro.

En 2021, tras o grande éxito do Europeo Júnior de 2019 de 420 e 470 celebrado en Vilagarcía e apoiado pola Xunta de Galicia, a Real Federación Galega de Vela decidiu utilizar estes barcos -máis outros catro pertencentes á Real Federación Española de Vela- para crear unha liga autonómica da muller. Nesta final da terceira edición competirán un total de sete embarcacións: dúas galegas, dúas valencianas, unha asturiana, unha catalá e outra canaria, despois de realizar cada autonomía os seus procesos clasificatorios para a final ao longo do ano. Cómpre salientar que esta terceira edición da ‘Regata da Muller’ vén avalada polo calendario oficial da Real Federación Española de Vela no que xa está incluída como o Campionato de España Feminino por Autonomías o que a converte nunha competición oficial.

Lete Lasa augurou novos éxitos á vela galega e amosou o seu desexo de que Nico Rodríguez, xunto a catalá Silvia Mas, poida optar a París 2024, onde asegura que Támara Echegoyen estará loitando por medalla.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/10/2023