A Xunta constata os avances da construción do banco de xermoplasma no centro de investigacións agrarias de Mabegondo

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, visitou o centro de Abegondo e reuniuse co alcalde, José Antonio Santiso

O Goberno galego destina preto de 2 millóns de euros para este proxecto, que permitirá mellorar a selección, a conservación e a investigación das variedades autóctonas conservadas

Abegondo (A Coruña), 6 de outubro de 2023

O director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, trasladouse hoxe ata Abegondo onde mantivo un encontro co alcalde da localidade, José Antonio Santiso, no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) que albergará o Banco de Xermoplasma dos Recursos Fitoxenéticos de Galicia. Nesa reunión valoráronse vías de colaboración para facer campos de demostración e poñer a disposición do sector produtivo variedades de froitales e de horta con fins de investigación.

Tralo encontro, no que falaron da actividade que se desenvolve no CIAM e das oportunidades de futuro que abre esta nova inversión, José Luis Cabarcos visitou a evolución das obras do Banco de Xermoplasma, onde a Xunta investirá preto de 2 millóns de euros para esta nova infraestrutura que permitirá mellorar a selección, a conservación e a investigación das variedades autóctonas conservadas. Estas instalacións aspiran a ser unha referencia para o sector primario agrario en horta e froita de material xenético autóctono e para ser un escaparate das potencialidades do agro galego.

Na actualidade, consérvanse preto de 700 variedades autóctonas e liñas puras de millo, numerosas accesións de froiteiras, unha colección de pratenses con máis de 2.500 entradas dunhas 100 especies diferentes, outra de cereais de inverno ou ata 275 variedades locais de 14 especies hortícolas diferentes.

Por outra banda, nun escenario como o actual, de cambio climático no que a adaptación ás condicións climáticas é clave, este banco convértese nunha ferramenta imprescindible para a loita contra a erosión xenética que evite a desaparición das variedades locais. Ademais, esta nova infraestrutura tamén permitirá que o seu contido se poida utilizar en programas de mellora xenética para a obtención de variades de cultivo con colleitas máis valiosas, polas cantidades producidas e polas cualidades organolépticas e nutricionais sobresaíntes.

Os polígono agrarios, xunto con determinados aproveitamentos en aldeas modelo, os campos de ensaio e demostración, os viveiros de empresas, cooperativas ou agricultores, entre outros, poderán beneficiarse deste banco para conseguir produtos de maior calidade para alimentación humana e animal.

Formación para asesores

Nesta visita a Abegondo, o director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria asistiu á apertura dun curso para formación de asesores, que se atopa dentro dun plan de actualización de coñecementos para estes profesionais, sobre a xestión técnico-económica de explotacións de vacún tanto de carne como de leite. Estas xornadas estanse a impartir no CIAM dende hoxe ata o vindeiro 13 de outubro.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/10/2023